Pontevedra volverá ser a capital dos videoxogos e a cultura friki coa 3ª edición do Lérez Up

venres, 24 de maio do 2024 S. P.

A organización da feira Lérez Up anunciou a súa terceira edición para 2024 marcada pola novidade do cambio de datas. Este ano, o Recinto Feiral de Pontevedra abrirá as portas aos videoxogos e a cultura friki a finais de setembro. O pasado verán a Lérez Up reuniu a máis de 4.000 persoas na segunda edición, enchéndose de apaixonados da cultura xaponesa, dos videoxogos, do manga e do anime.
En palabras da organización (Gaming Troop e Concello de Pontevedra), “este punto de encontro volverá contar coa presenza de diferentes asociacións que ofrecerán un abano de actividades para todos os gustos: torneos, xogos de mesa, cosplay, karaoke, xogos independentes e máis”.
Nun plano máis concreto, o evento incluirá torneos de videoxogos recoñecidos a nivel estatal e internacional, como o Super Smash Bros Ultimate, League of Legends, Valorant e, como novidade, un torneo do Tekken 8, a famosa franquía de pelexas que estreou xogo a principios de ano. Os xogos de mesa, e de maneira específica o xogo de cartas Magic The Gathering, terán o seu espazo único no recinto con varios torneos e programación propia.
Charlas e obradoiros compartirán escenario coas persoas que participen no concurso de cosplay. Este ano as cosplayers convidadas e xurado profesional que premiará á mellor caracterización do concurso son, por unha banda, Kaisiwiwi e MeryNyan, dúas profesionais do cosplay que foron elixidas como representantes de España para a World Cosplay Summit 2024; e pola outra, Akurin, unha xogadora que gañou numerosos premios e traballou con Blizzard na Overwatch Cosplay Battle.
Ademais, as persoas asistentes tamén poderán visitar e coñecer aos pequenos creadores que expoñan a súa arte, ilustración e artesanía de todo tipo. As inscricións para os stands de artistas están pechadas, con máis de 120 solicitudes recibidas, e nas vindeiras semanas coñeceranse os seleccionados.
A información sobre o programa e as actividades desvelarase pouco a pouco a través das redes sociais dos organizadores, en Twitter e Instagram baixo o nome de @gaming_troop, e na páxina web da feira.

PUBLICIDADE