Presentada na Deputación lucense a serie A Grande Epopea de Galicia, xa dispoñíbel na plataforma AGalega

xoves, 2 de maio do 2024 S. P.

O Pazo Provincial de Lugo (San Marcos) acolleu esta mañá a presentación da primeira tempada da serie A Grande Epopea de Galicia, un proxecto documental que consta de 8 episodios dedicados a Cuba, Brasil e Panamá e producida co apoio da Deputación de Lugo a través dunha achega económica de 18.000€. Na presentación da serie, que poderá verse na plataforma AGalega, participaron o deputado de Formación e Ensino, Miguel Fernández, a directora e presentadora da serie, Teresa Racamonde, o xornalista e co-guionista, Fernando Salgado, o xornalista Martín Fernández Vizoso, e o responsábel de Bolanda Edicións Antonio Couto.
Miguel Fernández deu os parabéns á directora, aos guionistas, aos produtores e a todo o equipo de A Grande Epopea de Galicia por un conxunto de capítulos, que “penso que recollen moi ben o que foi a esencia da emigración, sinalando singularidades aínda pouco lembradas como a contribución dos 8.000 galegos que participaron na epopea que foi a construción do canal de Panamá. A mellor forma de render homenaxe aos que tiveron que marchar é non deixar que morra nunca a súa memoria, telos presentes”, asegurou.
A serie audiovisual A Grande Epopea de Galicia relata a enorme xesta e transcendencia social, económica e cultural que deixou a pegada imborrábel da emigración na Galicia moderna. Unha xesta na que a provincia de Lugo tivo un papel protagonista cunha emigración masiva a moitos deses países, entre os que destacan Cuba, Arxentina, Uruguai, Panamá ou Brasil, entre outros.
A primeira tempada consta de 8 episodios, a través de imaxes e testemuñas e cun formato cun enfoque ameno e atractivo, dedicado a Cuba, Brasil e Panamá. Os capítulos xa están dispoñíbeis para ver online na plataforma de AGalega.
Ademais, este serial que pretende lanzar dúas novas tempadas máis, emitirase na primeira canle da TVG, o que “lle dará unha maior proxección”, sinalou o deputado, salientando a importante redifusión que terá na TVG2 e nas súas canles internacionais, e tamén no ámbito académico, xa que se realizarán proxeccións e presentacións en diferentes universidades galegas e de fóra de Galicia.

PUBLICIDADE