Prosegue con Metrópolis o ciclo de cinema sobre IA de Afundación

venres, 9 de decembro do 2022 Lucía Villaverde

Metrópolis é a nova proposta dentro do ciclo de cinema sobre Intelixencia Artificial que programou Afundación, a Obra Social de Abanca, no marco da mostra internacional interactiva AI: More than Human. Trátase dun proxecto expositivo, que chega por primeira vez a España e faino coa flamante elección de A Coruña como Sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. O ciclo, composto por dez películas que expoñen a relación dos seres humanos con estas tecnoloxías, poderá visitarse na sede de Afundación ata o vindeiro 5 de febreiro.
A seguinte proxección será o vindeiro luns 12 de decembro ás 19.00 h. Metrópolis (Lang, 1927), obra mestra do cinema e película capital do expresionismo alemán, trátase dunha visión apocalíptica da sociedade do futuro, ambientada no ano 2000. Na megalópole de Metrópolis a sociedade divídese en dúas clases: os ricos que teñen o poder e os medios de produción, rodeados de luxos; e os obreiros, condenados a vivir en condicións dramáticas recluídos nun gueto subterráneo.
Este ciclo enmárcase no programa Cultura por alimentos, unha iniciativa da Obra Social de Abanca en favor de FESBAL. Así, o acceso a cada unha das sesións será a cambio da entrega dalgún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local. Para asistir, é necesario realizar unha reserva previa na web Ataquilla.com, e está toda a información sobre a actividade na web de Afundación.

PUBLICIDADE