Quibi, unha nova plataforma audiovisual exclusiva para móbiles

luns, 6 de abril do 2020 Marcus Fernández

O consumo audiovisual a través do móbil é cada vez maior, o que teñen moi en conta as compañías que ofrecen vídeo baixo demanda achegando opcións como a descarga de contidos para a súa reprodución fóra de liña, pero unha nova plataforma quere ir máis aló, e preséntase como unha solución exclusiva para móbiles, que só pode verse dende as súas aplicacións para iPhone e para Android, e que ofrece contidos de curta duración pensando no seu consumo en mobilidade.
Hoxe mesmo é cando bota a andar Quibi, proxecto que promete programas de calidade cinematográfica para móbiles, e que dá os seus primeiros pasos cun catálogo de medio cento de pezas que irán estrándose con periodicidade semanas entre as que habería películas orixinais por capítulos duns 10 minutos de duración, programas televisivos de non ficción, docuseries e espazos diarios con información de distinto tipo (novas, deportes, economía e cultura).
Este servizo estréase nos EE.UU. cun período de proba de balde de 90 días e pretende cobrar logo 4,99 dólares/mes polo servizo con anuncios ou 7,99 dólares/mes polo servizo sen publicidade, prezos que poden parecer moi elevados para unha plataforma que a moitos pareceralles incompleta, xa que só funciona en mobilidade, cando por prezos semellantes temos ofertas como a de Disney+, cun catálogo moito máis sólido, e coa posibilidade de ofrecer lecer doméstico e en mobilidade.
Haberá que agardar para ver se esta proposta consegue atraer ao público, tanto polo seu formato como pola calidade do eu catálogo, que deberá ir máis aló do uso de reclamos como Sophie Turner, Jennifer Lopez, Chrissy Teigen ou Liam Hemsworth para captar a atención do seu público potencial, que previsiblemente sería a xeración de usuarios que pasan boa parte do seu tempo de lecer en YouTube, Instagram e TikTok en vez de vendo contidos máis tradicionais.

Vídeo promocional de Quibi

PUBLICIDADE