R seguirá a apostar pola banda larga e estreará desco 4K con Android TV

xoves, 6 de abril do 2017 Marcus Fernández

O operador de telecomunicacións R vén de presentar en rolda de prensa os seus resultados relativos ao ano 2016, confirmando que segue a ser a opción preferida en Galicia con 297.000 clientes ao peche de ano (250.000 residenciais e 47.000 empresas) e unhas 420.000 liñas de voz móbiles (356.000 de particulares e 64.000 de empresas) o que supón un crecemento interanual do 5,6%.
O encargado de dar estes resultados foi Alfredo Ramos, director xeral de R, quen destacou que «R segue a ser líder en Galicia en todos os servizos onde temos rede despregada, dato que reforza a nosa aposta por unha estratexia e un modelo de negocio consolidados e que, sobre todo, corrobora un ano máis a confianza dos galegos en R».
Entre os clientes particulares de R podemos destacar que o 86% ten contratado servizo móbil, o 61,8% servizos de televisión e o 87,5% de banda larga, o que parece deixar claro que o principal reclamo do operador é ofrecer servizos de acceso á Rede. De feito, neste ámbito R conta xa con máis do 60% dos seus clientes particulares con conexións de máis de 100 Mbps e os seus accesos de 350 Mbps chegan ao 80% da súa rede.

Despregamento de redes FTTH en domicilios e empresas

Cómpre salientar o feito de que a tecnoloxía predominante de R para dar conexión á Internet (HFC) están a prepararse para a súa modernización ampliando a súa capacidade, aínda que nas novas instalacións tamén están a apostar por solucións con menos limitacións (redes FTTH) e, de feito, está a desenvolver un plan para levar FTTH a 40.000 novas vivendas en Galicia, tanto en vilas pequenas como en zonas completamente rurais, para o que contan cun orzamento de 10,5 millóns de euros (para o que contan coa axuda do Plan Avanza). Aparte desta iniciativa a compañía tamén está a despregar redes FTTH en núcleos fóra do centro urbano para achegarse a zonas semi-rurais de vivendas unifamiliares como na área de Vigo; e tamén están a empregar FTTH en grande parte das zonas vellas das cidades de Lugo, Ourense e Santiago de Compostela, así como nos polígonos industriais nos que R ofrece cobertura.

Servizos móbiles

Ramos confirmou que o proceso de migración de clientes da rede móbil de Vodafone á de Orange completouse con éxito hai uns días, de xeito que todos os clientes de R xa poden acceder a servizos 4G e 4G+, insistindo que para conseguir que o cambio de host non supuxese unha perda de calidade do servizo realizaron traballos na infraestrutura de rede por valor de preto de 30 millóns de euros, que continúan a día de hoxe, de xeito que confían en poder ofrecer cada vez un mellor servizo dende o móbil.

Televisión 4K

Para atender á demanda de contidos audiovisuais de maior calidade R vai renovar o seu receptor de televisión, polo que o novo desco 4K será unha realidade en breve, que apostará pola imaxe en ultra alta definición, a posibilidade de realizar as gravacións de contidos na nube e a grande vantaxe de funcionar con Android TV, de xeito que o propio trebello permitirá acceder á tenda de aplicacións de Android TV, de xeito que abre a porta a contidos de YouTube, Vimeo, Netflix... o que tamén será unha interesante posibilidade para os desenvolvedores galegos, que preparando unha aplicación para Android TV poderán chegar a milleiros de fogares galegos dun xeito moi doado.

3ollosR

O servizo de domótica de R que leva uns meses funcionando tamén potenciarase nos vindeiros meses, facendo doado o control de dispositivos a distancia, automatizando función básicas do fogar ou permitindo gozar de servizos de vixilancia para detectar intrusos ou simplemente para comprobar se os pequenos da casa xa chegaron de volta da escola.

A incidencia de decembro

Preguntado polos problemas no servizo móbil padecidos o pasado 23 de decembro, Ramos minimizou o acontecido, indicando que só houbo un reducido número de usuarios que se deu de baixa pola incidencia e, de feito, o balance anual da compañía en número de liñas foi positivo.

Incidencia de última hora

Durante esta mañá tamén produciuse unha inoportuna incidencia que deixou sen comunicacións fixas a clientes da provincia de Ourense, Sarria e Chantada, por mor dun corte na rede de fibra óptica, que xa está localizado e en vías de solución (confíanse en ter o servizo totalmente restablecido ás 17:00 horas).

ACTUALIZACIÓN: A incidencia rexistrada hoxe comezou a solucionarse a iso das sete da tarde, aínda que algúns usuarios non tiveron o servizo operativo até as dez da noite.

PUBLICIDADE