Realme presenta un móbil que pode cargarse completamente en menos de 10 minutos

xoves, 9 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Realme presentou hoxe para o mercado chinés o novo Realme GT Neo 5, o smartphone que promete a carga máis rápida do mercado, xa que conta con modelos con batería de 4.600 mAh que pode cargarse até a 240 watts, o que supón que unha carga completa pode realizarse en 9 minutos e medio. Esta carga rápida tamén pode aproveitarse para conseguir a metade da carga en só 4 minutos ou incluso para cargar o 20% da batería en 80 segundos.
O Realme GT Neo 5 é un smartphone con procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1 (o procesador insignia do ano pasado), pantalla OLED de 6,74 polgadas cunha resolución de 2.772 x 1.240 píxeles e refresco a 144 Hz, cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles, lector de impresións dixitais baixo a pantalla e NFC.
Sae á venda partindo cun modelo con carga de 150 watts, 256 GB de almacenamento e 8/12/16 GB de RAM a un prezo de lanzamento de 2.499/2.699/2.899 iuans (343/370/398 euros), aínda que os modelos máis destacables serían os que contan coa nova carga rápida de 240 watts, que poden adquirirse con 16 GB de RAM e 256 GB de almacenamento por 3.199 iuans (439 euros) ou con 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento por 3.499 iuans (480 euros).
Queda por ver cando chegarán estes móbiles a España, así como os seus prezos, pero queda claro que a súa carga rápida é un importante reclamo de venda.

PUBLICIDADE