Redondela achega cursos sobre eAdministración ás asociacións locais

martes, 13 de agosto do 2019 Redacción

A Concellería de Transparencia, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá de Redondela quere facer avanzar o coñecemento sobre novas ferramentas e xestión coas institucións públicas a través dunha nova serie de cursos sobre Administración Electrónica. Trátase de actividades de balde dirixidas a entidades e asociacións. Nos obradoiros afondarase no funcionamento do certificado dixital que se require para realizar trámites e solicitudes de axudas ou documentos, así como o uso da sede electrónica do Concello.
Os cursos celebraranse nunha soa xornada cunha duración aproximada de tres horas. Impartiranse os venres 16, 23 e 30 de agosto en horario de 10.30 a 13.00 horas.
Aquelas entidades e asociacións que queiran apuntarse deberán enviar un correo electrónico a transparencia@redondela.gal indicando o nome do colectivo, un teléfono de contacto, e o número de asistentes (até un máximo de tres persoas por entidade), con indicación do venres de agosto que prefiran asistir.

PUBLICIDADE