Remiten 4.294 sinaturas a Google para pedir Android en galego

mércores, 29 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O editor do blog Mallando no Android</A> foi o encargado de remitir as sinaturas a Sundar Pichai</A>

Aínda que a toma de contacto entre os organizadores da campaña Android en Galego e Google España foi moi positiva, da xuntanza mantida o pasado outono non saíron compromisos concretos nin datas para que o sistema operativo móbil promovido por Google estea dispoñible oficialmente na nosa lingua, polo que continuaron a recoller sinaturas para reivindicar a causa, que veñen de remitirse por correo postal ás oficinas centrais de Google en Mountain View, dirixidas a Sundar Pichai, máximo responsable do proxecto de Android.
En total remitíronse 4.294 sinaturas para pedir que o galego estea como opción de idioma na versión base de Android, o que facilitará a presenza da nosa lingua en smartphones e tablets con Android, á vez que facilitará o desenvolvemento de aplicacións na nosa lingua. Esta reivindicación é especialmente importante porque na nosa terra Android é o sistema operativo móbil maioritario, polo que a súa dispoñibilidade en galego de xeito xeral (e non en función da capa gráfica que decidan instalar uns poucos fabricantes) facilitaría a normalización da nosa lingua en tarefas tan habituais como as comunicacións a través do smartphone.

PUBLICIDADE