Reprodutor musical portátil pensado para o seu uso na bicicleta

luns, 4 de maio do 2009 Marcus Fernández

A innovación na reprodución multimedia é moi complicada, pero sempre pode mellorarse a versatilidade dun produto, adaptándoo a usos nos que non é frecuente, e nesa liña aparece Podio, un reprodutor musical de ficheiros MP3 e WMA, con 2 Gb de capacidade, un tamaño de 88 x 37 x 37 milímetros e un peso de 139 gramos, que incorpora un altofalante de 1,5 W e ten unha forma que facilita a súa colocación en case calquera parte, podendo instalarse incluso no guiador dunha bicicleta.
Este reprodutor pode cargarse por USB, e a súa batería interna permítelle unha autonomía de 9 horas facendo uso do altofalante integrado ou de 60 horas de utilizarse con auriculares. Pode levarse nun brazalete durante a práctica dalgún deporte, colocarse ao carón do seu usuario no fogar ou na oficina, levarse pendurado do pescozo a xeito de colgante… pero o seu uso máis rechamante é na bicicleta, elemento para o que normalmente non hai reprodutores multimedia por non ser recomendable o seu uso con auriculares, o que solucionaría este trebello co altofalante integrado.
Queda por saber o prezo e a data de lanzamento deste orixinal reprodutor portátil.

O trebello venderase en varias cores

PUBLICIDADE