Samsung presenta as pantallas Super PLS para móbiles e tablets

xoves, 2 de decembro do 2010 Marcus Fernández

A tecnoloxía das pantallas de móbiles e tablets marca en moitos casos a diferenza entre distintos fabricantes, de aí que se esforcen en conseguir as mellores resolucións, as mellores relacións de contraste e brillo e incluso o menor consumo, sendo Samsung un dos líderes grazas á súa tecnoloxía Super AMOLED, presentando agora outra nova tecnoloxía chamada Super PLS e que entrará en produción a primeiros de 2011.
As novas pantallas Super PLS (Plane to Line Switching) conseguen mellorar os ángulos de visión e incluso superan nun 10% os paneis IPS (que vemos en trebellos coma o iPhone 4) acadando unha resolución de pantalla de 1.366 x 768 píxeles.
Dende Samsung aseguran que os novos paneis resultan un 15% máis baratos de fabricar que os IPS e están protexidos por unhas 30 patentes, de xeito que o fabricante surcoreano garante unha forte demanda deste novo produto durante bastantes meses.

PUBLICIDADE