SmartPEME imparte esta semana tres novos obradoiros en liña

martes, 29 de marzo do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta estes últimos días de marzo tres novas accións formativas impartidas online, todas elas co nexo común de querer axudar ás persoas autónomas e ás pequenas e medianas empresas a adaptarse plenamente ás novas tendencias dixitais. As accións versarán sobre Woocommerce e Google My Business. Amais, achegaranse as claves para mellorar o footer das páxinas web.
As actividades comezarán este martes 29 cun obradoiro titulado Woocommerce: a solución que buscabas para vender por Internet I. Nel María Aller, mestrado en mercadotecnia dixital, falará sobre esta ferramenta que permite montar unha tenda online cun catálogo non moi amplo.
O mércores 30 Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá un obradoiro que leva por título Como mellorar o footer da túa web no que ensinará a sacar partido a esta sección dun sitio web con consellos para a súa optimización.
Os talleres de marzo rematarán o xoves 31 cun obradoiro titulado Promociona o teu negocio con Google My Business no que Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, dará a coñecer esta ferramenta de Google enfocada a negocios locais que buscan unha maior visibilidade. Google My Business está pensada para facilitar o aproveitamento por parte dos pequenos comercios das posibilidades da xeolocalización e das procuras que a súa potencial clientela poida facer no buscador Google.

PUBLICIDADE