Square Enix sorprende co violento xogo Gun Loco

luns, 20 de setembro do 2010 Marcus Fernández

A xente de Square Enix parece encasillada en xogos na liña da súa popular saga Final Fantasy, con personaxes cun deseño bastante infantil e historias bastante inxenuas nas que os protagonistas teñen que participar en épicas aventuras para salvar o mundo/universo, de aí que sorprendesen a moitos na pasada edición do Tokyo Game Show, onde deixaron ver unha demo multixogador dun xogo que están a preparar para Xbox 360: Gun Loco.
Este novo título sitúanos nun planeta-prisión nos límites do Sistema Solar, no que van a parar os criminais máis dementes sen a presenza de gardas nin barrotes, de xeito que haberá que loitar pola supervivencia, á vez que perséguese a liberdade fuxindo deste encerro.
Gun Loco será así un xogo de intensa acción, que suaviza a súa violencia cun deseño de personaxes baseado en figuras de vinilo deseñadas por Kenny Wong (cunha aparencia moi orixinal, no que teremos dende personaxes que visten cabezas de coello ata pelo verde ao afro), pero que non deixa de ser un xogo de tiros en terceira persoa no que o modo multi-xogador (de ata 6 contra 6 usuarios) será a súa estrela, e aínda que non falten o sangue e a violencia extrema, non se recrea no gore.
Os distintos personaxes non só terán aparencias diferentes, senón que tamén contarán armamento específico como armas de fogo (pistolas, escopetas, rifles…) ou granadas (dende un deseño modelo normal ata un boneco inflable que se achega aos obxectivos para despois esbourar), aínda que en Gun Loco daráselle máis importancia ao avance a toda velocidade evitando obstáculos ao máis puro estilo de Mirror’s Edge (realizando distintos movementos especiais) que aos propios tiroteos. Aínda que haberá que agardar meses para ver se realmente estamos ante un título tan divertido como promete ser.


Trailer de Gun Loco presentado no Tokyo Game Show

O deseño de personaxes e a violencia serán a marca da casa neste novo título de Square Enix

PUBLICIDADE