Startup Pirates Galicia desenvólvese a comezos de maio en Ourense

luns, 3 de marzo do 2014 Redacción

O certame Startup Pirates Galicia, adaptación á nosa terra e ás características das nosas empresas do espírito de aprendizaxe e innovación dos eventos internacionais Startup Pirates, vaise desenvolver do 3 ao 10 de maio en Ourense. Segundo nos contan os organizadores, a edición contará co apoio decidido da empresa galega Dinahosting e desenvolverase ao longo de oito xornadas de actividades, “dirixidas a todos aqueles que queiran embarcarse na aventura de ser un emprendedor”.
Lembrar que os termos “aventura” e “embarcarse” non son casuais. De feito, lémbranos a organización, teñen relación directa co espírito pirata aplicado ao eido empresarial. E recordan tamén que entre os moitos métodos dispoñíbeis para converternos hoxe en día en piratas cóntanse o de lanzarnos a explorar as nosas capacidades para desenvolver unha idea empresarial e tamén o de aprender a converter un reto social nun negocio sustentábel.
Startup Pirates é un programa internacional de aprendizaxe dunha semana de duración, de sábado a sábado, cunha metodoloxía propia validada en diferentes países (Portugal, Croacia, Eslovenia, Holanda, Polonia, Brasil, Perú, Paquistán, Romanía, Bulgaria…). Trátase basicamente de que, antes de botarnos ao mercado, verifiquemos a nosa idea e estudemos a fondo as súas posibilidades e potencialidades. Nesta edición de Ourense os organizadores están a facer fincapé no emprendemento social. Ou sexa, nas metodoloxías para fomentar a creación de empresas sociais e pór en valor as ideas que solucionen retos sociais con modelos de negocio rendíbeis e sustentábeis. Ao longo destes 8 días, informan os impulsores do certame galego, “poderemos asistir a uns 8 obradoiros sobre modelos de negocio, comunicación, finanzas, desenvolvemento de produtos e servizos, mercadotecnia, etc; poderemos ser guiados por máis de 20 emprendedores, mentores e formadores; coñeceremos a emprendedores e investidores; accederemos á súa rede internacional de contactos; e traballaremos con outros aventureiros piratas”.

PUBLICIDADE