Swatch presenta un reloxo con NFC para realizar pagamentos

venres, 16 de outubro do 2015 Marcus Fernández

O grupo suízo Swatch presentou un novo reloxo de pulso, o Swatch Bellamy, un dispositivo wearable bastante rechamante polo feito de non aspirar a converterse nun smartwatch, senón que limita o seu uso tecnolóxico a facilitar o pagamento sen contacto co pulso, xa que integra tecnoloxía NFC, como a que teñen numerosos smartphones e o Apple Watch, de xeito que permitiría a autonización de pagamentos en tendas que acepten o pagamento con esta tecnoloxía (inicialmente en China, onde se presentou o trebello, e onde Swatch contou coa colaboración de UnionPay e Bank of Communications).
O nome deste reloxo é unha homenaxe ao escritor estadounidense Edward Bellamy, autor da novela Mirando atrás desde 2000 hasta 1887, na que imaxinaba un mundo utópico no que os cartos en efectivos eran substituídos completamente por tarxetas de crédito e débito (o que pode considerarse toda unha premonición se atendemos ao feito de que a novela publicouse en 1888).
O Swatch Bellamy agocha o seu chip NFC debaixo da súa esfera, de xeito que substituiría as tarxetas bancaria de pagamento sen contacto que prometen conseguir un uso masivo a nivel mundial nos vindeiros meses (de feito, moitos dos TPV instalados actualmente son compatibles con esta tecnoloxía) o que facilitará a implantación de tecnoloxías como Apple Pay ou Android Pay, coas que Swatch non buscaría competir, ofrecendo unha opción moito máis básica, que podería satisfacer a certo perfil de usuario.

PUBLICIDADE