TEDxGalicia 2011 trunfou achegando distintas visións da realidade actual

venres, 25 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Baixo o título de Sinxelas aproximacións a unha realidade complexa chegou este ano á Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela a segunda edición do evento TEDxGalicia, o que supón a consolidación desta iniciativa na nosa comunidade.
Os eventos TED naceron como unha conferencia anual na que pensadores e emprededores con convidados para comunicarse coa audiencia durante só 18 minutos, o que dá lugar a un programa dinámico e moi enriquecedor, que buscou o seu espallamento global a través da Internet e de conferencias locais coñecidas como TEDx, que deben cumprir cunhas directrices xerais para respectar o espírito de TED (siglas de Tecnoloxía, Entretemento e Deseño). Así temos este impresionante encontro en Compostela, que nesta edición repartiu os relatorios en 4 quendas de 4-5 relatores baixo os lemas Imaxina, Pensa, Crea e Comporte.

Xurxo Mariño permitiu á audiencia escoitar a música que xera o cerebro

A mañá comezou con Imaxina, con 4 charlas nas que Carmen Vázquez e Ana Sanjuán reivindicaron a intelixencia emocional, o profesor Miguel Ángel Vidal explicou o valor das matemáticas divertidas no proceso educativo (reformulando a famosa fórmula de E = m · c2 como Educación = Maxia · Corazón2), Roberto Rodríguez achegouse ao potencial da persoa e Patrick Berry narrou unha experiencia persoal para chamar á reflexión sobre as relacións entre médicos e pacientes.
A xornada matinal rematou cos relatorios Pensa, con Manuel Borobio propondo ao territorio como inspiración, Concha Martínez reintroducindo a lóxica, Antonio Salas explicando o que son os nosos devanceiros, Flavio Morganti vendendo o valor dos aromas e os sabores na cociña e Xurxo Mariño facendo atractiva a ciencia, para o que explicou a neurociencia a través dos sons do cerebro.

Luis Hernández defendeu o valor de seu da virtualidade

Baixo o lema de Crea comezou a sesión de tarde da presente edición de TEDxGalicia, cunha divertida presentación do artista conceptual Enrique Lista, unha sesións de coaching de Daniel Álvarez, unha lección de ilusionismo de Kiko Pastur, a historia de superación persoal e emprendemento de Marta Álvarez (fundadora de Granxa Maruxa) e a reflexión do profesor da UDC Luis Hernández sobre a virtualidade, área na que ten moita experiencia, comezando nos primeiros gráficos 3D xerados por ordenador ata pasar aos universos virtuais e os videoxogos en liña, no que chegamos a ter alter egos cos que podemos relacionarnos dun xeito que nunca fariamos no mundo físico.
O prazo forte deste evento chegou a última hora da tarde, con Comparte, sección que abriu o divulgador Vicente de Souza, facendo unha divertidísima actuación centrada na estrutura cerebral.

Genís Roca destacou os cambios no acceso á información das últimas décadas

O recoñecido especialista en Internet Genís Roca foi posiblemente o orador do que o público levou unha mellor impresión, pois dedicou a súa exposición a reflexionar no momento que vivimos como un dos meirandes cambios históricos que viviu a humanidade. Non só comentou o cambio no consumo que tivo lugar no último século (no que pasamos a ter un acceso moi reducido á información a sermos creadores e consumidores de xeito masivo) senón que tamén reflexionou sobre os cambios de modelos de negocio que achega a dixitalización, sostendo firmemente que a única saída que hai para os contidos culturais é a migración de produto a servizo (o que ilustrou co salgo do disco físico, ao MP3 e, finalmente, a plataformas como Spotify).

Manuel Gago narrou a súa experiencia arquelóxica desenvolvida en boa medida grazas á Internet

O franciscano Paco Castro falou dunha espiritualidade máis aló de conviccións relixiosas, e o profesor da USC Manuel Gago contou a súa experiencia arqueolóxica e a interesante iniciativa de PatrimonioGalego.net.
Puxo a guinda a este evento o co fundador de Blusens, Miguel Silva, que con analoxías coas carreira espacial e aproveitando un acompañamento musical moi atinado, contou parte da súa experiencia como emprendedor, xuntando chaves de éxito como rodearse da xente axeitada e a perseverancia. Unha lección recibida pola audiencia como o peche ideal deste encontro que promete repetirse nos vindeiros anos, para fortuna dos preto de 300 persoas que tras a experiencia actual contan con repetir en sucesivas edicións.

Miguel Silva contou a súa experiencia emprendedora con apoio audiovisual para pechar de xeito maxistral o evento deste ano

PUBLICIDADE