Tekken 7 sairá á venda o 2 de xuño

luns, 23 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que o xogo de loita Tekken 7 estaba previsto para primeiros de ano, finalmente os usuarios de Xbox One, PlayStation 4 e PC que queiran gozar deste xogo de loita de Bandai Namco terá que agardar ao 2 de xuño para facerse con el, polo que podemos ver no seu novo tráiler, no que por fin se atreven a pór unha data concreta a este esperado lanzamento.
O xogo manterá o seu sistema de combate 3D, aínda que dará un importante salto no nivel dos seus gráficos, cada vez máis realistas. Contará cun amplo repertorio de loitadores entre clásicos e novos competidores, con cadansúas técnicas, movementos de artes marciais e combos.
Tekken 7 representaría o último capítulo da disputa de dúas décadas da familia Mishima, buscando un final épico, no que o destino do mundo volve estar en xogo.
Como curiosa novidade, Akuma, un dos loitadores máis importantes da franquía de Street Fighter, participará neste novo Tekken. Tamén chama poderosamente a atención a edición para coleccionistas de Tekken 7, que incluirá unha figura de 35 x 45 centímetros que representa un enfrontamento entre Kazuya e Heihachi, e que virá acompañada por unha caixa metálica para o xogo e a banda sonora oficial do xogo.
Os usuarios que opten por reservar o xogo antes do seu lanzamento recibirán en primicia o personaxe de Eliza, quen aparecera anteriormente en Tekken Revolution.

Novo tráiler de Tekken 7

PUBLICIDADE