Transformación dixital, economía colaborativa e fiscalidade, a debate en Santiago da man da AEDAF

xoves, 6 de setembro do 2018 Redacción

Celina Ruiz Alastuey, Francisco Espinosa Barro e José Manuel Almudí Cid

A Asociación Española de Asesores Fiscais (AEDAF) inaugurou esta mañá unha nova edición do seu Curso de Verán, que se celebra estes días en Santiago de Compostela. Co título A transformación dixital: un novo camiño para o asesor fiscal, expertos tributarios de todo o ámbito estatal reúnense para analizar o novo escenario da fiscalidade de empresas e particulares na era dixital. En termos máis concretos, a xornada de hoxe (a primeira xeira de traballo) xirou arredor de cousas como os desafíos e implicacións da transformación dixital, a robótica e a economía colaborativa.
A inauguración do curso correu a cargo de José Ignacio Alemany, presidente de AEDAF, e o primeiro relatorio veu da man de César García Novoa, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago de Compostela e membro de AEDAF, cuxa intervención estivo adicada á fiscalidade da economía colaborativa, a robótica e as tecnoloxías smart, entre outras cuestións. García Novoa salientou a necesidade de que as empresas non tributen “onde teñen a súa residencia fiscal, senón alí onde se crea o valor”. Na súa opinión e ilustrando o devandito cun exemplo concreto, “se Uber, con residencia en Holanda, presta servizos en España, a tributación debe ter lugar aquí”. Ademais, tamén fixo referencia á intención da Unión Europea de impulsar a creación dun imposto sobre os servizos dixitais, “xa que, co comercio electrónico, non fai falta ter presenza física nun país para ter presenza económica, e isto é precisamente o que pretende gravar a Unión Europea”, explicou.
De seguido, o curso abordou a tributación directa dos novos medios de pago con Emilio Pérez Pombo, economista e Enrique Fernández Dávila, subdirector xeral de Tributación das Operacións Financeiras da Dirección Xeral de Tributos, que analizaron as especialidades da tributación das moedas virtuais.

Alejandro Miguélez e Llorenç Maristany

O último relatorio da mañá versou sobre os aspectos conflitivos na relación telemática coa Administración, a cargo de Alejandro Miguélez Freire, avogado e membro da Sección de Dereitos e Garantías e Práctica Tributaria da AEDAF. Miguélez analizou os principais puntos de confrontación en relación co cumprimento das distintas obrigas tributarias en Internet, que cualificou como “un grave retroceso nos nosos dereitos”. Tamén suxeriu “medidas de mellora”, como a implantación dun rexistro electrónico común, ou a harmonización dos procedementos telemáticos, diferentes en cada administración (Estado, comunidades autónomas, deputacións e concellos) e en cada ente ou organismo público.
Pola tarde, o debate centrouse na economía dixital desde o punto de vista da fiscalidade indirecta, a cargo de José Manuel Almudí Cid, profesor titular de Dereito Financeiro e Tributario e membro da AEDAF, e Celina Ruiz Alastuey, coordinadora de Área da Subdirección Xeral de Impostos sobre o Consumo da Dirección Xeral de Tributos. Nesta sesión falouse, entre outras cuestións, do Plan de Acción do IVE da Comisión Europea e do paquete IVE sobre comercio electrónico.
Mañá os asesores fiscais continuarán debatendo outras cuestións, como os aspectos informáticos das entradas domiciliarias ou as tendencias internacionais en fiscalidade directa da economía dixital.

PUBLICIDADE