Un acto en Compostela ilustrará sobre os efectos visuais nas artes cinematográficas

xoves, 9 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro 14 de xuño ás 20:00 horas o Auditorio ABANCA en Santiago de Compostela vai servir de escenario para un acto aberto ao público xeral, que contará con tradución simultánea, e que co título de O camiño matemático cara ao Óscar quere amosar dun xeito asumible para a cidadanía algúns dos segredos da simulación de efectos visuais nas artes cinematográficas. Esta actividade está organizada ao abeiro do Congreso Europeo de Matemática Industrial (ECMI2016) que durante a semana que vén desenvolverase en Compostela.
O acto comezará cunha conferencia divulgativa a cargo de Joseph Teran, profesor da Universidade de California e unha das meirandes autoridades no eido da creación de efectos visuais no cinema. O profesor Teran é colaborador de Walt Disney Animation Studios e, por exemplo, foi o responsable dos efectos de neve da película Frozen, gañadora de dous premios Óscar e un Globo de Ouro, entre outras galardóns.
A continuación haberá dúas breves intervencións a cargo de Ignacio Vargas, un dos creadores de Next Limit (compañía que participou en superproducións como El Señor de los Anillos: El Retorno del Rey e Matrix Reloaded), e Xenxo Álvarez, da empresa The Gearing/Otiiplanet, que achegarán as súas particulares visións sobre a temática da sesións. Así, Vargas falará sobre Animacións baseadas na física de alta calidade para videoxogos, mentres que Álvarez abordará as tendencias no desenvolvemento de personaxes na animación e nos videoxogos, visibilizando coa súa presenza as achegas galegas a este eido.
O acto concluirá cunha mesa redonda cos tres conferenciantes, aberta á intervención do público asistente.

A simulación da física da neve xogou un rol fundamental no filme Frozen, labor na que participou Joseph Teran

PUBLICIDADE