Un marco de fotos con acceso á Internet

martes, 24 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Un dos produtos que chegaron ó mercado nos últimos meses foron os marcos para fotografías dixitais, isto é, pequenas pantallas que poden amosar imaxes tomadas normalmente das tarxetas de memoria das cámaras dixitais, de xeito que se poden configurar para amosar unha imaxe estática ou unha galería fotográfica a xeito de proxección de diapositivas.
Estes dispositivos emerxentes están a acadar unhas boas vendas, polo que algúns fabricantes coma eStarling prefiren despuntar incorporándolles prestacións diferenzadoras, polo que o seu novo modelo de 7 polgadas incorpora conectividade Wi-Fi, de xeito que o marco fotográfico pode conectarse á Rede para achegar as fotografías amosadas dende servizos en liña coma Flickr baseándose en fluxos RSS preprogramados ou incluso dende o correo electrónico (de xeito que se pode definir o remitente do que se aceptarán as imaxes, para evitar o correo lixo).
O dispositivo ten unha memoria con capacidade para 30 fotografías e tamén permite introducir imaxes mediante tarxetas de memoria MMC/SD. Este novo marco de fotos venderase a partires do 10 de decembro a 250 dólares (199,14 euros).

PUBLICIDADE