Un mini-ordenador chinés adopta a forma de webcam

luns, 27 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos días chamou a atención na tenda en liña chinesa Aliexpress un mini-ordenador que leva por nome HD6I e que sorprende por adoptar a forma dunha webcam, dando a entender que estamos ante un equipo ideal para colocar coa súa pinza sobre un televisor no salón, para convertelo así nun Smart TV e, de paso, dotalo de capacidade de videoconferencia.
Este pequeno equipo que funciona con Windows 10 leva no seu corazón un procesador Intel Z3735 de catro núcleos, 2 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno. A súa cámara é capaz de captar vídeo Full HD a 30 imaxes por segundo, integra dobre micrófono (capaz de captar a nosa voz até a 5 metros de distancia), conta tamén con dous altofalantes e incluso con dúas saídas HDMI, lector de tarxetas microSD, 2 portos USB 2.0, tomas para micrófono e auriculares, Fast Ethernet, Wi-Fi N e Bluetooth 4.0, ou sexa, cunha configuración máis que suficiente para un ordenador de salón que sirva para consumir contidos en liña e de unidades de memoria, que incluso inclúe un Air Mouse para controlarse dun xeito semellante a unha Wii.
Estamos ante un produto que ten un prezo no contorno dos 132 euros, que como grande incógnita ten como será o seu funcionamento real, pois vén dun fabricante practicamente descoñecido, especializado en mini ordenadores para o salón, pero que como concepto resulta moi atractivo, xa que pode atender a unha demanda existente dun xeito bastante intelixente, aínda que algúns igual prefiran envolver o produto en cinta aislante.

Para estarmos ante un produto tan compacto, non se escatimou no número de portos dispoñibles para este equipo.

PUBLICIDADE