Un proxecto de micromecenado prepara unha versión mellorada do ZX Spectrum

luns, 24 de abril do 2017 Marcus Fernández

Despois de numerosos proxectos de hardware problemáticos baseados no ZX Spectrum, chega unha nova iniciativa con aires retro moito máis prometedora, principalmente porque trátase dun proxecto con máis garantías (a plataforma de lanzamento é Kickstarter, en vez de Indiegogo), e a súa proposta é máis honesta por perseguir a creación dun novo ordenador, o ZX Spectrum Next, que será compatible co software do Spectrum orixinal, pero terá distintas melloras.
Este novo ordenador permitirá gozar dos milleiros de xogos e aplicacións que existen para ZX Spectrum, pero para facer tal fuxe da senda da meirande parte dos proxectos anteriores, e en vez de optar pola emulación por software, procura replicar en boa medida o hardware da máquina orixinal, aínda que ofrecendo máis memoria e un procesador máis rápido, de xeito que tanto traballaría co software clásico como permitiría gozar de desenvolvementos máis recentes.
O ZX Spectrum Next estaría baseado nun procesador Z80 a 3,5/7 MHz, 512 Kb de RAM (ampliable a 1,5 Mb internamente e 2,5 MB externamente), soporta sprites por hardware e modos de vídeo con 256 cores (fronte ás 15 cores do equipo orixinal), ten diversas saídas de vídeo (RGB, VGA e HDMI), emprega tarxetas de memoria SD, o seu porto para mandos (DB9) é compatible cos protocolos máis empregados (cursor, kempston e Interface 2), conta tamén cun porto PS/2 (para conectar un rato con modo de emulación Kempston e un teclado externo), integra funcionalidade multiface (para poder gravar partidas ou introducir pokes), conta con tomas de audio para poder conectarlle reprodutores de casete (para a carga e o gardado) e incluso conta con opcións como Wi-Fi ou altofalante interno.
Aínda que os coleccionistas de ZX Spectrum non parecerán moi interesados neste produto, si resulta moi atractivo para desenvolvedores, que teñen aquí unha plataforma moi interesante para as súas creacións, aínda que tamén resulte curioso o feito de poder rememorar a carga de xogos mediante cintas ou a posibilidade de conectar o equipo tanto a un vello televisor de tubo como a unha moderna pantalla de alta definición.
A campaña de Kickstarter para facer realidade o ZX Spectrum Next xa conseguiu superar as 250.000 libras esterlinas que precisaba, polo que ten garantida a súa produción, especialmente porque, en contraste con outras campañas, nesta ocasión xa existen prototipos operativos do equipo, polo que non debería de haber ningunha sorpresa desagradable nos vindeiros meses, de xeito que os mecenas recibirían o seu ordenador a partires do vindeiro mes de xaneiro. Quen desexe a placa base do equipo pode achegar ao proxecto 99 libras (recibindo o produto xa a partires do vindeiro mes de agosto), pero para gozar dun ZX Spectrum Next completo habería que aportar 175 libras esterlinas (236 euros cos gastos de envío incluídos). Temos así un produto cun prezo bastante elevado, o que non freou a máis dun milleiro de mecenas a apoiar o proxecto do desenvolvedor de videoxogos Henrique Olifiers (co fundador de Bossa Studios) que teimou na recuperación dun ordenador clásico do xeito máis fiel posible e coa vista posta no presente.

Vídeo no que podemos ver a placa do ZX Spectrum Next en funcionamento, demostrando que estamos ante un produto real

PUBLICIDADE