Unha empresa compostelá facilita os cobros con tarxeta dende dispositivos móbiles

mércores, 9 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Un grupo de emprendedores galegos, na procura dunha solución tecnolóxica que facilitase a contratación e o uso de medios de pagamentos para empresas e autónomos, desenvolveu SetPay, unha plataforma de terminal de punto de venda (TPV) para dispositivos móbiles que permite aceptar pagamentos con tarxeta bancaria en calquera lugar ao que chegue unha conexión de datos móbil dun xeito sinxelo.
SetPay é un produto que tanto a PEME como os autónomos que sobren os seus produtos e servizos de xeito presencial agradecerán, polo seu doado funcionamento e o seu prezo competitivo, xa que estamos ante un sistema de TPV que non ten cotas de alta ou mantemento, cobrando só unha comisión do 2,75% por transacción.

SetPay facilita a realización de pagamentos en calquera lugar con cobertura de datos móbiles

Para operar con SetPay hai que darse de alta na plataforma (previa invitación), recibindo un terminal con lector de tarxetas que pode comunicarse cun dispositivo con Android ou iOS a través de Bluetooth e, a través dunha aplicación móbil (na que pode introducirse o concepto da compra e o seu importe) permite asociar os pagamentos realizados con tarxeta a unha conta bancaria na que se recibirán os cartos relativos á operación en 24 horas, recibíndose tamén un recibo da mesma por SMS ou e-mail.
Na páxina web deste novo proxecto radicado en Santiago de Compostela figuran os testemuños de varios negocios que xa están a probar SetPay, que van dende tendas ata perruquerías, que destacan tanto a posibilidade de empregar este servizo de pagamento nos seus establecementos coma nos seus desprazamentos a domicilio ou en feiras.


Explicación en vídeo do funcionamento de SetPay

O sistema de pagamentos comunícase por Bluetooth con dispositivos con iOS ou Android

PUBLICIDADE