Volve o bus dixital de RTVE ás vilas e cidades galegas: o 12 de xullo recala en Sada

martes, 25 de xuño do 2024 S. P.

O autobús dixital de RTVE poderase visitar de maneira gratuíta nunha manchea de concellos galegos este verán. Por exemplo en Sada, onde o vehículo de divulgación e formación TIC recalará os días 12, 13 e 14 de xullo, na praza Irmáns Suárez Picallo. Esta campaña, baixo a lema O teu futuro escríbese con D, está destinada a romper coa fenda dixital das novas tecnoloxías para todas as persoas.
A través desta iniciativa pódense facer test autodiagnósticos e coñecer a ampla oferta de capacitación dixital que existe, ou as diferentes ferramentas coas que contan os dispositivos dixitais, entre outros asuntos. Destinada a favorecer o coñecemento na contorna dixital, insírese no Plan Nacional de Competencias Dixitais.
Xeración D forma parte dunha campaña itinerante, iniciativa do Goberno de España e que ten como obxectivo “sensibilizar e concienciar sobre a necesidade do desenvolvemento das competencias dixitais da cidadanía e romper coa fenda dixital”.
Esta iniciativa ofrece diversos contidos didácticos para que, a través de exercicios prácticos e xogos, a cidadanía poida aprender a utilizar os teléfonos móbiles, a navegación a través de mapas, como realizar vídeo-conferencias, como xestionar a privacidade en redes sociais, como facer navegacións seguras, etc. Tamén se ofrecen xogos como un scape room dixital.

PUBLICIDADE