WhatsApp permitirá facer copias de seguridade en Google Drive

mércores, 7 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que cando cambiamos de smartphone conservamos habitualmente os nosos contactos e aplicacións grazas á sincronización na nube, conservar as conversas e os contidos de WhatsApp non resultaba tan doado, até agora, que anuncian que a versión para Android desta ferramenta de mensaxería instantánea está a recibir unha nova funcionalidade moi desexada e que sen dúbida será ben recibida: a posibilidade de realizar copias de seguridade en Google Drive.
Deste xeito, os usuarios da WhatsApp para Android poderán configurar a súa conta de Google dentro da aplicación para que se realicen copias de seguridade automáticas coa frecuencia indicada, permitindo así que no caso de ter que restaurar o terminal ou pasar a usar un móbil novo, poidan conservarse as conversas, as mensaxes de voz e os vídeos intercambiados a través de WhatsApp.
Esta nova prestación bota a andar hoxe mesmo, pero a súa activación será progresiva entre todos os usuarios, de xeito que poden pasar varias semanas antes de que este dispoñible para todos os usuarios de WhatsApp que utilicen dispositivos con Android.

PUBLICIDADE