Wikia Search estrea unha versión alfa

luns, 7 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

O buscador web colaborativo, transparente e de código aberto creado polos responsables da Wikipedia, Wikia Search, estréase nunha versión de probas operativa na que se amosan coma resultados de busca o título das páxinas buscadas, un extracto do texto publicado na mesma, unha ligazón á versión en caché da web e un sistema de puntuación na que os usuarios poden cualificar a calidade do resultado.
O buscador emprega coma araña para rastrexar a Rede a tecnoloxía Grub (adquirida a LookSmart) e Hadoop para executar a tecnoloxía Nutch (de indexación e busca) en grandes clústers de servidores.
Esta nova plataforma funciona tamén coma rede social, de xeito que os usuarios poden almacenar no sistemas as súas preferencias, listaxes de amigos e afeccións, álbums fotográficos ou opinións sobre cada persoa, podéndose marcar o nivel de confianza co resto de contactos.
Con respecto ás buscas, tamén se poden realizar mini-artigos sobre os termos buscados. Ata o momento as páxinas web indexadas na plataforma de probas é moi reducido, e os resultados acadados son pésimos tanto en número como en relación coas buscas introducidas, pero o motivo deste lanzamento dunha versión pouco madura deste buscador o que pretende e abrir a posibilidade de colaborar a quen queira contribuír á creación deste buscador web social.

PUBLICIDADE