Xesol ultimará o seu sistema de asistencia á condución coa axuda de 100 testers

venres, 10 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A empresa galega Xesol Innovation, centrada no desenvolvemento de tecnoloxías revolucionarias para o sector da mobilidade intelixente e os vehículos autónomos e conectados (tecnoloxías que redunden en maiores sustentabilidade, eficacia, capacidade de resposta e seguridade), vén de lanzar un convite para acadar a participación dun centenar persoas e poder así, coa axuda das voluntarias e os voluntarios, comprobar o funcionamento do seu sistema avanzado de axuda á condución integrado. As probas realizaranse este mes de febreiro na Tecnópole.
Este dispositivo de asistencia foi presentado a nivel mundial no Parque Tecnolóxico de Galicia en decembro de 2016 e dende entón, segundo sinalan fontes do completo empresarial innovador de San Cibrao das Viñas (Ourense), “foi perfeccionado de forma continuada”. O obxectivo da empresa Xesol é obter “a máxima retroacción” por parte dun grupo de usuarios de perfís variados para “coñecer a súa experiencia co asistente de condución intelixente”.
O sistema avanzado de asistencia á condución (ADAS) desenvolvido por Xesol Innovación forma parte do proxecto SmartCars que a start-up galega leva desenvolvendo dende o seu nacemento en 2012.
As persoas interesadas poden rexistrarse como testers na ligazón https://lnkd.in/d6sphnb.
Máis detalles do sistema
O dispositivo perfeccionado por Xesol pode ser implantado en calquera vehículo fabricado a partir do ano 2000 sendo, en palabras dos seus creadores, “moito máis preciso sobre os sistemas xa existentes”, pois basea a súa tecnoloxía de detección na visión artificial (en troques de infravermellos ou radares) co maior número de ángulos de visión aumentada do mercado (tres cámaras de visión artificial), alén de considerarse intelixente porque achega un sistema de aprendizaxe rápida.
O sistema foi deseñado para ser instalado de xeito sinxelo en calquera coche xa en uso, á marxe da gama á que pertenza, o que fai que a condución avanzada estea ao alcance de calquera usuario.

PUBLICIDADE