Xiaomi presenta un smartphone con procesador de seu

martes, 28 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi, que normalmente monta nos seus teléfonos procesadores de MediaTek e Qualcomm, leva tres anos investigando para poder seguir os pasos de compañías como Samsung e Huawei (que teñen os seus procesadores Exynos e Kirin) e por fin están listos para dar o grande paso de comercializar un smartphone cun procesador propio, o Surge S1, que estrearase dentro do Mi 5c.

Mi 5c: delgado, lixeiro e barato

O Mi 5c sería un smartphone que buscaría presentar un deseño ultra delgado (só 7,09 milímetros de grosor) e lixeiro (132 gramos de peso) e unha potencia máis que suficiente subministrada polo novo procesador Surge S1 de 8 núcleos de 64 bits (4 núcleos a 2,2 GHz e outros 4 a 1,4 GHz). Vén equipado con 3 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria), pantalla JDI de 5,15 polgadas (Full HD cunha luminosidade de 550 nits), cámara traseira de 12 Mpíxeles cun tamaño de píxel no seu sensor de 1,25 micrómetros, cámara frontal de 8 Mpíxeles con apertura f/2.0, lector frontal de pegadas dixitais, batería de 2.860 mAh que pode cargarse mediante USB-C (con carga rápida e unha autonomía que promete ser dabondo para unha xornada completa) e sistema operativo MIUI baseado en Android 7.1 que estando un paso por diante dos teléfonos da familia Redmi consegue manter un prezo moi contido, xa que venderase a 1.499 iuans (206 euros).

Vídeo promocional do Mi 5c de Xiaomi

Redmi 4X: a mellor autonomía ao menor prezo

Pero para a grande masa se seareiros de Xiaomi posiblemente resulte máis atractivo o Redmi 4X, un novo smartphone e aposta por un tamaño contido, unha autonomía extraordinaria e un prezo moi axustado. Concretamente o Redmi 4X funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 435 a 1,4 GHz, 2/3 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 128 GB), pantalla de alta definición de 5 polgada con cristal curvado 2.5D, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, lector traseiro de pegadas dixitais e unha xenerosa batería de 4.100 mAh con carga rápida 3.0. Venderase a 699 iuans (96 euros) con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento, e a 899 iuans (124 euros) na súa versión con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento.

Os novos smartphones de Xiaomi comercializaranse con tres cores de carcasa distintas (negro, rousa e ouro).

PUBLICIDADE