Yoyago, un novo xogo galego de quebracabezas para iOS

luns, 30 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Yoyago conta con varios modos de xogo que incrementan a vida do xogo

As aplicacións móbiles continúan a ser unha interesante canle de negocio para pequenas compañías que queiran levar os seus desenvolvementos a unha audiencia global, que é o que parece pretender o ourensán afincado en Compostela, Pablo Soto Cid, que a través da súa compañía Soluciones Informáticas y Multimedia vén de estrear na App Sotre o xogo para iPhone e iPad Yoyago, que por 1,59 euros promete entreter aos usuarios con divertidos quebracabezas animados por música de Chopin.
Yoyago é un xogo que consiste en pulsar tantas burbullas dunha mesma cor como sexa posible, creando unha secuencia, tendo que estar cada burbulla na mesma fila ou columna que a anterior, deixando pasar un máximo de 3 segundo para premer cada burbulla, de xeito que haberá que combinar estratexia e axilidade para superar os 20 niveis necesarios para gañar o xogo.
Este título tamén intenta ter unha vida máis longa achegando distintos modos de xogo: Chrono (que dá 2 minutos para superar cada nivel), Beyond (que salta de nivel ao superar a mellor xogada actual), Ace (que require da pulsación de todas as burbullas ao primeiro intento) e Recall (que forza a memorizar unha secuencia de cores e intentar atopala no campo de xogo).

PUBLICIDADE