Zotac presenta un ordenador mochila para a realidade virtual

venres, 4 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Pensando en que a realidade virtual poida achegar experiencias libres de cables e afastadas dun escritorio informático, dende Zotac presentaron o seu ordenador mochila VR GO, que equipado cunha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1070, procesador Intel de catro núcleos, numerosas conexións e batería que pode cambiarse en quente, permitiría cargar coa realidade virtual ás costas, mantendo un volume bastante compacto e un peso moderado como para permitir que poida levarse enriba sen grandes dificultades.
Este equipo, capaz de funcionar sen problemas con solucións de realidade virtual como HTC Vive, tamén pode empregarse no escritorio, e está equipado cun procesador Intel Core i7, 2 rañuras para memorias DDR4, espazo para unha unidade SSD M.2, Wi-Fi AC, a mencionada gráfica nVIDIA GeForce GTX 1070, 3 portos USB 3.1, lector de tarxetas de memoria SD, 2 portos HDMI, 2 DisplayPort, 2 tomas Gigabit Ethernet, 2 tomas para auriculares e incluso un espazo para engadirlle unha unidade de disco de 2,5 polgadas, mantendo todo o sistema un consumo duns 150 watts, o que é todo un logro para a grande potencial que acada.
Confíase en que saia á venda durante o último trimestre do ano, aínda que polo momento non se detalla nin a data exacta nin o seu prezo.

PUBLICIDADE