atlanTTic celebrará en Baiona o IH&MMSec’24, referente internacional en seguridade multimedia

luns, 10 de xuño do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, ultima esta semana os preparativos do 12º ACM Workshop on Information Hiding and Multimedia Security, IH&MMSec’24, un dos eventos máis relevantes a nivel internacional no ámbito da ocultación da información e a seguridade multimedia.
O encontro celebrarase do 24 ao 26 de xuño no Parador de Baiona baixo a dirección do profesor Fernando Pérez, líder do Grupo de Investigación en Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC) de atlanTTic, equipo pioneiro con máis de 25 anos de experiencia no estudo da ocultación de información e seguridade multimedia.
Na organización deste congreso contan co apoio da ACM (Association of Computing Machinery) e a colaboración de Gradiant, o Concello de Baiona e os proxectos Uncover, Trumpet e Truffles.
Investigación de vangarda
IH&MMSec’24 achega un amplo programa que inclúe presentacións de artigos de investigación, mesas redondas e sesións especiais, nas que participarán profesionais de países como Alemaña, China, Francia, Italia e Estados Unidos. O programa inclúe máis de 30 relatorios de investigadores e investigadoras internacionais, seleccionadas tras “un esixente proceso de revisión por pares”. Abordaranse diferentes temáticas relacionadas coa seguridade da información e ocultación de información, como esteganografía, esteganálise, marcas de auga dixitais e anonimidade.
O programa tamén cubrirá diversos temas de seguridade multimedia, como a autenticación multimedia, a forensía multimedia, a biometría e a privacidade. Ademais, haberá catro sesións especiais sobre detectores confiábeis, stego-malware, detección de deepfakes de audio e privacidade e seguridade na aprendizaxefederada.
Desde a organización destacan tamén que esta edición contará con tres conferencias convidadas que correrán a cargo de Gwenaël Doërr, de Synamedia (Francia), que se centrará na utilización de ferramentas dixitais para combater a piratería de vídeo; Christian Riess, da Universidad Friedrich-Alexander Erlangen-Nürnberg (Alemaña), que afondará na tradución de avances teóricos na forensía de imaxes en aplicacións prácticas; e Jonathan W. Hak, da Universidad de Leiden (Holanda), que discutirá as aplicacións da forensía multimedia en investigacións criminais.
O programa inclúe tamén unha sesión impulsada polo proxecto europeo Uncover, que abrirá coa charla plenaria de Jonathan W. Hak e unha mesa redonda sobre o uso da Intelixencia Artificial na análise forense de datos multimedia e en esteganografía.
Na mesa redonda titulada Navegando a Frontera da IA: Desafíos na Forensía Multimedia e a Esteganálise participarán Matthias Kirchner (Kitware Inc., EEUU); Ralf Zimmermann (ZITiS, Alemaña); Jonathan W. Hak (Leiden University, Holanda); Mauro Barni (University of Siena, Italia); e Jessica Fridrich (Binghamton University, EE.UU.), que representarán ao ámbito empresarial, gobernamental, legal e académico, respectivamente, e estará moderada por Luis Pérez Freire, de Gradiant.
O prazo de inscrición ao congreso estará aberto ata o vindeiro sábado e pódese realizar a través da plataforma en liña da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE