A Cámara de Santiago mostra como tirar proveito das principais ferramentas informáticas

xoves, 16 de maio do 2024 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago celebra a vindeira semana, o mércores 22 de maio en horario de mañá (de 10.00 a 11.30 horas), unha nova actividade gratuíta de transformación tecnolóxica ao servizo das pemes e persoas autónomas da demarcación. Trátase do seminario en liña Ferramentas de comunicación para mellorar e facer máis efectiva a relación cos nosos clientes, abeirado á iniciativa Kit Dixital da Cámara e a entidade estatal Red.es.
O programa incluirá a presentación das liñas de traballo da Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital e porá o foco nas principais ferramentas das que poden botar as empresas para ser máis visíbeis, eficaces, efectivas, rendíbeis e competitivas: Web, boletíns en liña, redes sociais, correo electrónico, bots, plataformas de mensaxería e reunións en liña. Tamén se mostrará como elixir as melloras e máis axeitadas ferramentas e a planificalas, a elaborar protocolos de comunicación co cliente e a facer análises de eficacia.
O relator será Fernando Rodríguez de la Torre, director da Axencia de publicidade con C de Comunicación, profesor no Mestrado de Marketing Digital da USC e director de Briefinggalego.com, portal de referencia do sector da mercadotecnia e a publicidade en Galicia.
As Oficinas Acelera Peme para Kit Dixital postas en marcha por Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, coa colaboración de Cámara de España, teñen como obxectivo impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas, micropemes e autónomos. As actuacións, están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos NextGenerationEU, no marco da axenda España Dixital 2026 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025.

PUBLICIDADE