A Comisión Europea inicia un procedemento formal contra Meta en relación á protección dos menores en Facebook e Instagram

xoves, 16 de maio do 2024 Redacción

A Comisión Europea anunciou a apertura dun procedemento formal para avaliar se Meta, o provedor de Facebook e Instagram, infrinxiu Lei de Servizos Dixitais (DSA) en áreas relacionadas coa protección de menores. A Comisión está preocupada polos sistemas, tanto de Facebook como de Instagram, incluíndo os seus algoritmos, que poden estimular adicións de comportamento nos nenos, así como crear os chamados efectos de tobo de coello. Ademais, a Comisión tamén está preocupada polos métodos de verificación de idade postos en marcha por Meta.
A apertura do procedemento baséase nunha análise preliminar do informe de avaliación de riscos enviado por Meta en setembro de 2023, nas respostas de Meta ás solicitudes formais de información da Comisión (sobre a protección de menores e a metodoloxía da avaliación de riscos), informes dispoñibles publicamente, así como na análise propia da Comisión.
O procedemento actual aborda as seguintes áreas:
– O cumprimento por parte de Meta das obrigas da DSA na avaliación e mitigación de riscos causados polo deseño das interfaces en liña de Facebook e Instagram, que poden explotar as debilidades e a inexperiencia dos menores e causar comportamentos aditivos, e/ou reforzar o chamado efecto de tobo de coello. Unha avaliación deste tipo é necesaria para contrarrestar os riscos potenciais para o exercicio do dereito fundamental ao benestar físico e mental dos nenos, así como ao respecto dos seus dereitos.
– O cumprimento por parte de Meta das esixencias da DSA en relación coas medidas de mitigación para previr o acceso de menores a contidos inapropiados, especialmente as ferramentas de verificación de idade utilizadas por Meta, que poden non ser razoables, proporcionadas e efectivas.
– O cumprimento por parte de Meta das obrigas da DSA de poñer en marcha medidas apropiadas e proporcionadas para garantir un alto nivel de privacidade, seguridade e protección para os menores, especialmente en relación coas configuracións predeterminadas de privacidade para os menores como parte do deseño e funcionamento dos seus sistemas de recomendación.
Se se proban estes fallos, constituirían infraccións dos Artigos 28, 34 e 35 da DSA. A apertura de procedementos formais non prexulga o seu resultado. Agora a Comisión levará a cabo agora unha investigación a fondo como unha cuestión de prioridade e continuará a recoller probas, por exemplo, enviando solicitudes adicionais de información, realizando entrevistas ou inspeccións.
A apertura de procedementos formais capacita á Comisión para tomar medidas de execución adicionais, como adoptar medidas provisionais e decisións de non cumprimento. A Comisión tamén está facultada para aceptar compromisos feitos por Meta para remediar os problemas suscitados nos procedementos.

PUBLICIDADE