A Deputación da Coruña e Paideia impulsarán o emprego xuvenil en mercadotecnia dixital

venres, 6 de outubro do 2023 S. P.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Fundación Paideia, Sandra Ortega Mera, asinaron un convenio para o desenvolvemento do proxecto Markéting dixital, empregabilidade e cooperativismo 2023, dirixido a mozas e mozos da provincia de entre 16 e 29 anos en situación de desemprego.
Este programa formativo e de impulso ao emprendemento desenvólvese no marco do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña e ten como obxectivos a formación e capacitación da mocidade no eido da mercadotecnia dixital, o asesoramento no proceso de creación e xestión dunha cooperativa e o apoio técnico e económico para a posta en marcha e o desenvolvemento de dúas cooperativas durante o seu primeiro ano de vida.
“A finalidade deste proxecto, que xa desenvolvemos con éxito nos últimos dous anos en colaboración con Paideia é formar á mocidade e ofrecerlles posibilidades de autoemprego e emprendemento en sectores en auxe, proporcionándolles formación práctica nos pasos a seguir para a creación dunha cooperativa e o apoio para dar os primeiros pasos no seu negocio", resumiu o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Trala realización dunha primeira fase formativa en dous concellos da provincia, organizada en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Local (DELOA) e coa Fundación EOI (Escola de Organización Industrial), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, seleccionaranse a mellor proposta de cada concello para continuar cunha segunda fase do programa, que é a que se corresponde co obxecto do convenio acabado de asinar.
Estas dúas cooperativas do sector da mercadotecnia, impulsadas por xente nova en dous concellos da provincia, contarán co asesoramento para a constitución da súa cooperativa, así como os gastos derivados do seu primeiro ano de funcionamento. As dúas cooperativas disporán de cobertura en materia de mentoring e un apoio económico dun máximo de 60.000 euros por cooperativa, en función do número de integrantes da mesma, para financiar os gastos de constitución e posta en marcha do proxecto, os gastos de alugueiro ou mantemento da súa sede social, a adquisición de equipos e programas informáticos, salarios e custos sociais do persoal e gastos de xestoría por un período máximo de doce meses.
O orzamento deste proxecto ascende a 173.500 euros, dos que a Deputación da Coruña achega o 50% (86.750 euros) e a Fundación Paideia Galiza o 50% restante (86.750 euros).

PUBLICIDADE