A Deputación da Coruña impulsa na Cidade das TIC un dos maiores estudos virtuais de España

luns, 5 de decembro do 2022 S. P.

O pasado venres a Deputación da Coruña presentou un novo proxecto tecnolóxico para situar a Galicia “como referencia do audiovisual e do virtual”. Trátase dun estudo que permitirá, en palabras da entidade provincial, “crear contidos inmersivos de ficción, Realidade Virtual e Aumentada que son de aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos”. O proxecto, no que leva traballando a Deputación dende hai tempo, recibiu financiamento europeo. O obxectivo é construír na Coruña “o maior estudo virtual de produción audiovisual de Galicia e un dos maiores de España”.
Na presentación participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a alcaldesa da cidade, Inés Rey, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o presidente do Clúster Audiovisual de Galicia, Jorge Algora.
"Trátase dun proxecto pioneiro, unha gran aposta pola innovación que converterá a Galicia nunha referencia do sector audiovisual a nivel estatal e europeo grazas a un investimento de 6,7 millóns de euros", explicou o presidente, que detallou que 5M€ estarán financiados con cargo ao Plan de Recuperación do Goberno de España a través dos fondos Next Generation e 1,7M€ con fondos propios da Deputación da Coruña. Os fondos europeos para este proxecto foron tramitados polo servizo de Desenvolvemento Territorial co apoio do centro NEXT da Deputación no Concello da Capela.
Valentín González Formoso subliñou a importancia do sector audiovisual galego, que representa hoxe o 28% do total da industria cultural, xera máis de 4.500 empregos, factura 411 millóns de euros e agrupa a 707 empresas na comunidade, o 76% delas na provincia da Coruña.
A localización elixida para este espazo especializado en produción audiovisual virtual é a Cidade das TIC da Coruña, co obxectivo de "crear sinerxías co sector tecnolóxico, xa que alí poderase atopar boa parte do talento dixital que innegablemente vai necesitar o sector audiovisual nun futuro moi próximo", explicou Formoso, que agradeceu a colaboración da UDC, o Concello da Coruña, o Clúster Audiovisual galego (amais das ducias de empresas audiovisuais que apoiaron o proxecto) e o Clúster TIC.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou o apoio do Goberno de España ao proxecto de creación deste escosistema dixital audiovisual a través dao Plan de Recuperación, que leva investido en Galicia máis de 2.000 millóns de euros, con 1.660 empresas beneficiarias, "a maior cantidade de fondos despregada en Galicia polo Goberno central".
"Hoxe falamos de dúas palabras esenciais no noso modelo de cidade: cultura e tecnoloxía, que veñen da man neste proxecto", afirmou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que sinalou que a cidade consolídase como "un polo de referencia no sector tecnolóxico" e que con este novo proxecto "sitúase como líder nun sector clave como é o audiovisual" nun momento de profundas transformacións.
O reitor da UDC, Julio Abalde, dixo que “este é un proxecto vinculado ao que quere ser a Universidade da Coruña”. Formar profesionais con competencias para desenvolver contidos dixitais e audiovisuais é un dos eixos de acción da institución académica, segundo explicou o reitor. “O proxecto é bo para que os profesionais se queden aquí, para que as empresas podan quedarse aquí e contribuír ao desenvolvemento económico”, afirmou.
Finalmente, o presidente do Cluster Audiovisual Galego, Jorge Algora, sostivo que cando o Goberno de España anuncia o Hub audiovisual "o sector galego púxose a traballar para ver como se podían aproveitar eses 1.600 millóns para a recuperación do sector e puxemos o foco na cidade das TIC. Cando nos chamou a Deputación da Coruña, a inspiración colleunos traballando o que nos permitiu aproveitar esa iniciativa", afirmou.
Aplicacións en cine, TV, publicidade ou videoxogos
Como dixemos, o estudo permitirá crear contidos inmersivos de ficción, Realidade Virtual e Aumentada para os ámbitos cinematográfico, televisivo, publicitario e dos videoxogos.
Segundo salientou a Deputación ante os medios, dispor dun estudo virtual dotado de ferramentas, software e equipamento “evitará que as produtoras galegas teñan que desprazarse a outros territorios, como Madrid ou Barcelona, para realizar parte dos seus proxectos, ou que sigan improvisándose estudos en grandes espazos comúns sen os recursos axeitados, o que redundará nunha mellora da competitividade do audiovisual galego”.
Por outra banda, engadiu, a dispoñibilidade deste tipo de instalación, pioneira no territorio nacional, tamén “resulta moi atractiva para outras produtoras españolas e estranxeiras que poderán aproveitar as vantaxes de aforro de custes e tempo que ofrece a produción virtual, tendo en conta que un plató virtual pode reducir ata nun 68% os custes de posprodución”.

PUBLICIDADE