A Noite do CPEIG defende o papel transformador da Enxeñaría Informática

venres, 12 de xuño do 2026 S. P.

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou a súa 18ª Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Fíxoo cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago na que se entregaron os premios anuais da profesión. Asistiron máis de 500 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do eido universitario e profesionais do sector tecnolóxico.
Foron 14 as distincións anuais que se entregaron na gala, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados/as recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, realizou unha reflexión sobre o impacto da intelixencia artificial, “unha ferramenta tecnolóxica de poder” capaz de influír no que vemos, no que lemos, nas oportunidades que recibimos, nas decisión que tomamos e, en definitiva, na forma na que entendemos o mundo. “Os algoritmos, os datos e as infraestruturas dixitais non son unicamente cuestións técnicas. Son tamén cuestións de xustiza, de liberdade e de futuro”, sinalou no seu discurso inaugural.
Facendo referencia a un paradoxo da IA coa obra Cien años de soledad de García Márquez e a unha metáfora dos baobab no libro de El Principito, Fernando Suárez explicou que as corporacións actuais son capaces de concentrar unha cantidade de datos, de coñecemento, de capacidade de influencia e de poder económico nunca antes vista na historia da humanidade. “A soberanía tecnolóxica de Europa, de España e de Galicia non dependerá unicamente das máquinas. Dependerá das persoas, do talento, da nosa capacidade para formar profesionais, crear empresas innovadoras, xerar coñecemento e construír tecnoloxía propia. O esencial desta profesión non son os ordenadores, son as persoas”, asegurou.
Neste 2026 a Enxeñaría Informática en España cumpre cincuenta anos, e o presidente do CPEIG destacou o seu papel protagonista como transformador das administracións, empresas, universidades e fogares, medio século construíndo silenciosamente o mundo dixital no que vivimos como profesión esencial para garantir a soberanía dixital. “Temos que seguir defendendo, con firmeza e con responsabilidade, o recoñecemento que a nosa profesión merece pola sociedade á que servimos. A Noite da Enxeñaría en Informática non celebra unicamente proxectos, empresas ou traxectorias profesionais, celebra unha comunidade formada por miles de profesionais que, desde lugares moi distintos, traballan cada día para construír un futuro mellor”, indicou.
Esta décimo oitava edición contou coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey; a deputada provincial da área de Sectores Produtivos da Deputación da Coruña, Cristina Capelán; o alcalde de Ames, Blas García; a reitora da Universidade de Santiago (USC), Rosa Crujeiras; e a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña (UDC), María José Lombardía; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
A gala estivo conducida polo xornalista deportivo e presentador da TVG, Terio Carrera. Como artista invitado, o evento contou este ano coa actuación do afamado ilusionista e mentalista Jorge Luengo, ademais doutras sorpresas, como un flash mob, unha parodia de Bad Bunny ou unha espectacular actuación dunha violinista cun violín LED-láser.

Galicia reforza a súa aposta pola tecnoloxía e o talento dixital

Durante a gala interviñeron tamén os conselleiros de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. O primeiro destacou a aposta da Xunta pola tecnoloxía como ferramenta de cohesión territorial e lembrou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 mobiliza máis de 2.450 millóns de euros en ámbitos de alto impacto como a intelixencia artificial, a internet das cousas e a xestión intelixente do dato.
Miguel Corgos puxo o foco tamén na capacidade de Galicia para atraer e reter talento dixital. Salientou que as titulacións STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) presentan na comunidade unha taxa de ocupación superior ao 92 % durante os dous primeiros anos tras rematar os estudos. Segundo indicou, Galicia conta xa con máis de 3.100 empresas TIC, que empregan preto de 23.500 profesionais, máis do 40 % deles con alta cualificación.
O titular de Facenda e Administración Pública lembrou ademais que a comunidade conseguiu atraer a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), un fito que reforza o seu posicionamento no ámbito da gobernanza da IA. Citou tamén iniciativas como a Cidade das TIC e o Programa Galego de IA, estruturado arredor de catro eixes: a construción dunha rexión intelixente, a formación en competencias de intelixencia artificial ao longo da vida, a adopción estratéxica desta tecnoloxía e o impulso da I+D+i orientada ás necesidades da economía galega.
Corgos reivindicou igualmente o papel pioneiro da creación da AMTEGA como organismo encargado de coordinar o desenvolvemento tecnolóxico da Administración autonómica. Durante a velada participou na entrega do pin de prata do CPEIG a José Baliño, director xeral de IT, Información, Procesos e Operación de ABANCA e gañador do Premio Especial CPEIG.

Recoñecemento ás políticas galegas de educación, ciencia e innovación

A Noite da Enxeñaría en Informática serviu tamén para entregar á Xunta o Premio Impulso Dixital de Galicia, unha distinción que recolleu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. O xurado recoñeceu o «liderado estratéxico na construción dunha Galicia máis innovadora, dixital e preparada para afrontar os retos do futuro».
Entre as iniciativas destacadas figura a futura Lei de Educación Dixital de Galicia, chamada a converterse na primeira norma autonómica destas características, así como o Plan Integral de Benestar Dixital, orientado a promover un uso responsable, saudable e equilibrado da tecnoloxía.

Os galardóns da Noite

Premio Iniciativa Emprendedora
O recoñecemento foi para Startup Galicia, a asociación de emprendedores máis grande de Galicia que suma 130 socios que pertencen ao ecosistema e representan a preto de 200 startups.
Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática
A doutora en Informática Virginia Mato, codirectora da Cátedra Aldaba-WIB da UDC e UVigo para impulsar iniciativas que contribúan a dar visibilidade ás mulleres no mundo das TIC, recibe este galardón por ser un “referente próximo e necesario”, cunha traxectoria que demostra que as mulleres poden alcanzar o éxito na profesión.
Premio Traxectoria Profesional
O galardón concédese, a título póstumo, á doutora en Informática Paula Montoto. A pontevedresa traballou durante 25 anos como analista informática na compañía Denodo, nacida na Coruña e líder mundial en virtualización de datos, ademais de ser profesora na Universidade da Coruña.
Premio Especial CPEIG-En memoria de Hernán Vila
José Valiño, director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións de ABANCA, e José Manuel García Oya, socio director de Plexus Tech, reciben este recoñecemento pola súa contribución decisiva ao desenvolvemento e consolidación do ecosistema tecnolóxico galego.
Premio Iniciativa Empresarial
O recoñecemento foi para Sparc Foundry, a primeira empresa española, con sede en Vigo, dedicada á fabricación de semicondutores de última xeración, Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG. Ten en marcha as obras da súa planta no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, e prevé que estea operativa a finais de 2027 para cubrir a crecente demanda de dispositivos fotónicos nas telecomunicacións, automoción, IA ou no sector aeroespacial.
Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino
O recoñecemento recaeu en Loomi, plataforma web pedagóxica, creada por tres mozos estudantes da Universidade de Vigo –Anxo Lameiro, Marcos Martínez e Alejandro Sirvent–, para a personalización da docencia a nivel de infantil e de primaria con IA, co obxecto de que o profesorado poida transformar contidos curriculares en historias ilustradas e personalizadas en cuestión de segundos.
Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
O premio recoñece á Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes, iniciativa público-privada que promove a investigación, innovación e transferencia de coñecemento, difusión e divulgación da IA e os algoritmos verdes coa fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente.
Premio Iniciativa da Administración
A distinción foi para a Gerencia de Informática da Seguridad Social pola súa plataforma corporativa de atención ao cidadán. O proxecto, chamado ISAC (Infraestructura de Soporte de Atención al Ciudadano), é unha iniciativa clave na evolución do modelo de atención á cidadanía da Seguridad Social.
Premio e-Inclusión
O recoñecemento recaeu en OdiseIA, Observatorio del Impacto Social y Ético de la IA, por velar polo uso ético e responsable da intelixencia artificial. A organización, fundada en 2019, creou hai pouco a Fundación OdiseIA4Good para impulsar a IA ao servizo do ben común.
Premio Colaboración Interadministrativa
O Concello de Ames recibe esta distinción por impulsar a cooperación institucional como “ferramenta real de transformación económica e social”, consolidándose como “un dos municipios máis dinámicos de Galicia en materia de innovación, emprendemento e desenvolvemento tecnolóxico” con iniciativas como a xornada InnovAmes e a atracción de empresas tecnolóxicas, innovadoras e de base dixital ao seu entorno.
Premio Colexiada/o de Honra
Ramón López de Mántaras, pioneiro da intelixencia artificial en España e Europa, é o novo Premio Colexiado de Honra do CPEIG. O fundador do Instituto de Investigación en Inteligencia Artificial do CSIC recibe esta distinción “polo seu compromiso cunha visión ética, humanista e responsable da tecnoloxía”.
Premio Traballo Fin de Máster
O enxeñeiro informático David Zambrana, da Universidade da Coruña, gaña este recoñecemento polo seu proxecto dunha plataforma, chamada ShoppyEye, orientada a democratizar a observabilidade técnica e de negocio no comercio electrónico para pequenas e medianas empresas. Os finalistas, tamén da UDC, foron Alejandro Esteban, por un traballo sobre a seguridade nas redes informáticas actuais a través da integración de técnicas de IA, e Adrián López, polo deseño dun sistema de apoio á selección de participantes en ensaios clínicos no marco do proxecto iTrial do SERGAS.
Premio 18º Aniversario CPEIG-A Noite
O recoñecemento recaeu nas empresas Dell Technologies, DXC Technology e Taisa polo seu compromiso e apoio continuado ao evento durante máis de dez anos, ademais do seu respaldo sostido á profesión e ao ecosistema TIC galego, e a súa aposta pola innovación, o talento e a colaboración entre empresas, institucións e profesionais.
Premio Impulso Dixital Galicia
A distinción recoñece á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia polo seu liderado estratéxico na construción dunha Galicia más innovadora, dixital e preparada para enfrontar os retos do futuro, con iniciativas pioneiras en España, como o Plan integral de benestar dixital, a futura Lei de Educación Dixital de Galicia ou a posta en marcha da primeira Fábrica de Intelixencia Artificial aplicada á saúde en España.

Vídeo da gala