O CESGA incorporará un segundo computador cuántico enfocado a formación e simulacións
venres, 12 de xuño do 2026
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) acolleu hoxe a presentación dos resultados dos seus novos equipamentos: un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark, que se suma aos equipos xa anunciados nos últimos meses. Na cita participaron o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.
Tanto o supercomputador como os dous novos computadores cuánticos situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais, sinalaron.
Os computadores cuánticos son adquiridos a través de Telefónica. Deles, o computador cuántico de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será “o buque insignia”, segundo dixo o conselleiro, engadindo que “esta separación técnica permitirá que o maior se dedique á produción científica e industrial, mentres que o do menor tamaño servirá como banco de probas para desenvolver a capacidade técnica necesaria neste campo emerxente e validar así novos desenvolvementos antes do seu escalado”.
Pola súa banda, o novo supercomputador Finisterrae IV, adxudicado a Fsas Tecnchonologies (Fujitsu) e que multiplicará por sete a capacidade de cálculo do actual (Finisterrae III), representa un salto tecnolóxico ao integrar a supercomputación coas posibilidades que abre o uso da intelixencia artificial a gran escala. Ademais, o sistema de almacenamento suporá máis do dobre que o actual e tamén experimentará unha mellora técnica notable, adoptando unha arquitectura xerarquizada que garanta un acceso eficiente e sostido aos datos. O sistema foi deseñado cunha forte énfase na eficiencia enerxética, empregando tecnoloxías de refrixeración líquida para soportar os fluxos de datos intensivos da computación científica actual. En conxunto, esta tecnoloxía contribuirá aínda máis a reforzar a capacidade da nosa I+G+i.
Román Rodríguez debullou as posibilidades de futuro que se abren co reforzo do CESGA desde varias perspectivas, e destacou “o bo momento que está a vivir a ciencia e a innovación feitas na Galicia Calidade”, algo que atribuíu ao traballo conxunto de administracións, universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas.
Engadiu que co novo CESGA, a comunidade investigadora galega e do resto de España e Europa poderá acceder a recursos de cálculo avanzados e procesadores cuánticos, establecendo un ecosistema de datos de alto rendemento adaptado ás demandas e á complexidade dos retos científicos actuais e, especialmente, os que virán da man da nova Factoría Europea de IA 1HealthAI, outro dos fitos acadados recentemente pola I+G+i.
“O CESGA está en pleno proceso de renovación das súas infraestruturas”, subliñou o conselleiro, unha operación complexa cun investimento total de 56 millóns de euros procedentes de fondos europeos do PERTE Chip (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica de Microelectrónica e Semicondutores en España no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia) e fondos propios da Xunta. “É unha aposta decidida por reforzar o seu papel logo de décadas de traballo ao máis alto nivel“, expresou o conselleiro, que animou aos asistentes “a continuar esta camiño de progreso”.
Julio Abandel enxalza a transformación do CESGA
Pola súa banda, Julio Abalde destacou que a transformación experimentada polo CESGA nos últimos anos constitúe “un dos mellores exemplos de como a colaboración institucional e o investimento público permiten construír capacidades estratéxicas para o desenvolvemento científico, tecnolóxico e económico do país”.
O subdelegado subliñou que “o Goberno de España mantén un compromiso firme coa ciencia, a innovación e a transformación dixital, unha aposta que se traduce en investimentos concretos para reforzar infraestruturas de excelencia como o CESGA”. Neste sentido, lembrou que un dos principais instrumentos de apoio foi o PERTE Chip, unha iniciativa estratéxica para reforzar as capacidades tecnolóxicas e industriais do noso país. A través deste programa, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades destinou 71 millóns de euros para fortalecer os centros de supercomputación e as infraestruturas de micro e nanofabricación. Máis de 63 millóns de euros foron asignados á Rede Española de Supercomputación, e o CESGA obtivo 47 millóns de euros, “convertendo a Galicia na principal beneficiaria desta convocatoria”, destacou Abalde, engadindo que “estamos ante unha aposta histórica que permite renovar instalacións e incorporar novos equipamentos”.
O subdelegado incidiu en que o CESGA está a vivir unha das etapas máis relevantes da súa historia grazas á incorporación de novas capacidades de supercomputación, almacenamento de datos e computación cuántica, que permitirán ofrecer máis recursos á comunidade científica, ás universidades, aos centros tecnolóxicos e ao tecido empresarial.
Intelixencia artificial
Durante a súa intervención, Julio Abalde puxo tamén en valor a elección do CESGA como sede da European One-Health AI Factory, unha iniciativa estratéxica que sitúa a Galicia e a España na vangarda europea da intelixencia artificial aplicada á saúde, á biotecnoloxía e ao medio ambiente.
O proxecto conta cun investimento total de 82 millóns de euros, dos que 24 millóns son achegados polo Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, 17 pola Xunta de Galicia e os 41 millóns restantes pola Empresa Común Europea de Computación de Alto Rendemento (EuroHPC JU) -unha iniciativa conxunta entre a UE, países e socios privados.
“O Goberno de España está a apoiar proxectos estratéxicos que nacen desde Galicia e que teñen unha dimensión europea. A European One-Health AI Factory é un magnífico exemplo desta aposta”, afirmou. Abalde lembrou que España é un dos tres únicos países da Unión Europea que conta con dúas fábricas de intelixencia artificial aprobadas pola Comisión Europea, unha delas liderada desde Galicia a través do CESGA.
