A Universidade de Vigo porá en marcha unha asociación de mulleres nas redes sociais

luns, 4 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Lourdes Muñoz, ex deputada do Congreso, estivo en Pontevedra para reivindicar o papel da muller nas TIC

O pasado 17 de maio, amais das nosas Letras, celebrouse a nivel mundial o Día da Internet e o Día das Telecomunicacións, festividade que xirou arredor dunha cuestión específica dentro de algo tan xenérico como as redes: o papel da muller no ámbito das TIC. Unha das conclusións que se tirou foi a seguinte: cómpre non cometer nas redes os mesmos erros que se cometeron nos eidos tradicionais da información. Ou sexa, cómpre asegurar que fomenten a igualdade e que sexan elas mesmas un acubillo de igualdade. Nesta liña moverase un novo proxecto galego: a asociación de mulleres en redes sociais da Universidade de Vigo.
O seu obxectivo, como dixemos, será o de botar por terra a falsa idea de que Internet é “cousa de homes”. O proxecto foi dado a coñecer a semana pasada nun encontro de mulleres na Internet celebrado na Casa das Campás de Pontevedra, onde participou (entre outras) a enxeñeira Lourdes Muñoz, ex deputada do Congreso, quen falou sobre o potencial que achega a Rede para impulsar e reivindicar a presenza feminina en tódolos ámbitos sociais, culturais, económicos, políticos e demais. Ao seu xuízo, os novos eidos dixitais son espazos por construír, en desenvolvemento, e esta relativa xuventude fai que sexa máis doado un redireccionamento cara a non discriminación, a participación e o espírito democrático (real). Asemade, dixo, trátase dun mundo sen xerarquías, o que complementa o seu carácter de escenario idóneo para a actividade da muller. Lourdes Muñoz contou co apoio da vicerreitora do Campus, Antonia Blanco, que aproveitou a ocasión para dar conta da creación vindeira do devandito colectivo de mulleres arredor das redes sociais. “Unha das principais liñas de actuación desta institución é a procura da igualdade de xénero en todos os ámbitos e esta conferencia para o desenvolvemento da muller nos medios sociais segue a filosofía de traballo do noso campus que continuará no vindeiro curso con novas iniciativas”, sinalou a vicerreitora.

PUBLICIDADE