A feira virtual OnEJob2021 achega unha manchea de ofertas de traballo de perfís tecnolóxicos

xoves, 28 de outubro do 2021 S. P.

Preto de 1.300 persoas participan esta semana (28 e 29 de outubro) na segunda edición da Feira Virtual de Emprego OnEJob2021, unha cita na que concorren arredor de cen empresas achegando ao alumnado dos tres campus da UVigo (e os de Tras Os Montes e Alto Douro, en Portugal) máis de 200 ofertas de emprego “nas que se buscan candidaturas para sectores moi diversos e que requiren competencias moi variadas”, tal e como destaca a directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez.
Na cita teñen un papel especialmente sobranceiro as seguintes áreas avanzadas de actividade: enerxías sustentábeis, análise de datos (Big Data), desenvolvemento de software, xestión de proxectos de innovación, xestión de recursos humanos, especialista en ecommerce, administración de empresas, Intelixencia Artificial, biotecnoloxía, microbioloxía e idiomas...
Segundo informa a UVigo, a feira é unha oportunidade para as empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e, en xeral, de toda Europa, de coñecer e contactar con profesionais altamente cualificados de moi distintos perfís.
Desta volta, das 1.260 persoas inscritas, 266 son de España, 223 de Portugal e o resto están repartidas entre diferentes países da Unión Europea. Hai perfís, tanto de idade como de formación, moi distintos, pero case a metade sitúanse na franxa de idade entre 25 e 34 anos.
Para os empregadores “este evento é unha oportunidade de publicar as súas oportunidades de traballo e prácticas no seu sitio web, facer presentacións en vivo sobre a súa empresa e necesidades de contratación e tamén realizar servizos de programación de entrevistas e asesoramento personalizado”, explica a UVigo.
No caso das persoas que buscan emprego, “poderán seleccionar e postularse para traballos que coincidan co seu perfil, pórse en contacto cos empregadores e tamén programar entrevistas de recrutamento, tanto durante como nos días posteriores á celebración da feira”. Tamén poderán beneficiarse dun programa en vivo de presentacións de empresas e obradoiros temáticos, actividades que cobren unha ampla gama de temas, desde a busca de emprego e a mobilidade ata fomento do espírito emprendedor e oportunidades de investigación.
A Feira Virtual de Emprego OnEJob2021 é herdeira da Finde.U, a tradicional feira de emprego universitario que viñan co-organizando desde hai anos as universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro. Agora, xa con formato integramente virtual, a nova feira está co-organizada polas universidades de Vigo e Tras Os Montes e Alto Douro xunto coa rede Eures, o servizo público nacional de emprego de Portugal (IEFP) e a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE