A firma galega Tarlogic recibirá o Premio Especial CPEIG na Noite da Informática de Galicia

mércores, 29 de maio do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu entregar o Premio Especial CPEIG da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024 á empresa galega de ciberseguridade Tarlogic, con sede en Montouto (Teo, A Coruña). A distinción entregarase no marco da dita gala, que se celebra o 21 de xuño en Santiago. O colexio destacou que Tarlogic é “unha empresa de referencia en ciberseguridade que presta servizo a gran parte das empresas cotizadas do país e a grandes compañías en Europa, Estados unidos e Oriente Medio”. O premio será recollido polo fundador e director executivo (CEO) da empresa, Andrés Tarascó.
A compañía de seguridade informática foi fundada en 2011 polos irmáns Miguel e Andrés Tarascó nun pequeno local de Teo, municipio da provincia da Coruña. Cunha marcada vocación de boutique, Tarlogic presta desde Galicia servizo a gran parte das empresas cotizadas do país, así como a grandes empresas en Europa, Estados unidos e Oriente Medio, axudando a estas empresas a protexer as súas infraestruturas de ciberataques e facelas máis resilientes.
Tarlogic dispón de oficinas en Santiago de Compostela e Madrid. O que naceu sendo unha empresa centrada en hacking, foi medrando ata contar actualmente cun equipo de máis de 130 persoas especializadas en ciberintelixencia, ciberseguridade ofensiva e defensiva, e contribuíu a formar a un gran número de profesionais de ciberseguridade en toda España.
Entre os fitos de Tarlogic destaca ter sido recoñecida durante máis de 3 anos como unha das empresas de maior crecemento en Europa ou polos seus traballos de investigación e divulgación, con publicacións sobre seguridade en contadores eléctricos ou interceptación de comunicacións Bluetooth.
O CPEIG engade que Tarlogic continúa na actualidade coas súas investigacións para protexer a tecnoloxía Bluetooth e evitar, por exemplo, a espionaxe e a interceptación das chamadas de teléfono.
O fundador e CEO da compañía, Andrés Tarascó, recollerá o galardón na XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.

PUBLICIDADE