A publicidade galega en Internet volverá ter premio
xoves, 19 de setembro do 2019
A
Secretaría Xeral de Política Ligüística vén de convocar, xunto
co Parlamento e o Foro Enrique Peinador, a 26 edición dos Premios de
Publicidade en Galego, uns galardóns ao mellor da nosa creatividade
comercial que novamente terán un piar directamente asentado no
tecnolóxico. Os
detalles da nova edición foron dados a coñecer esta semana polos
responsábeis das ditas entidades, Valentín García, Miguel Ángel
Santalices e Xosé González. Os galardóns tamén farán
especial fincapé na promoción do uso do galego dende o ámbito da
publicidade e a mercadotecnia.
Haberá
cinco categorías: radio, televisión, Internet, prensa escrita e
centros de formación de futuros profesionais do ámbito. O prazo de
inscrición abriuse este 18 de setembro para pecharse o vindeiro 18
de outubro. As
bases e toda a información están dispoñíbeis no Portal da Lingua
Galega.
Segundo
fixeron saber, os recoñecementos á mellor publicidade en galego non
son novos, e tiveron unha primeira vida até o ano 2016, sendo nese
período convocados polo Consello Asesor de RTVE-G e a Corporación
RTVG. A nova andaina, moi centrada nos novos formatos e códigos de
comunicación que acompañan o desenvolvemento tecnolóxico, terá o
seu intre culminante no mes de novembro, co acto de entrega de
premios no marco da conmemoración do Día da Galeguidade
Empresarial.
Na
pasada edición, resultaron premiados o proxecto Tarxeta PassVigo
(encargado por Viguesa de Transportes-VITRASA á axencia Ecovigo
Publicidade S.l.) e as campañas de dinamización comercial
Compostela Monumental 2017 (impulsadas pola Asociación Compostela
Monumental e realizadas por Fancylooks).