A rapazada de Santa Comba fomentará a súa empregabilidade mergullándose nas tecnoloxías

luns, 20 de decembro do 2021 S. P.

O Concello de Santa Comba xuntou forzas este Nadal con Axuda en Acción e Globalvia para ofrecer á rapazada local formación avanzada en novas tecnoloxías, poñendo o foco nas máis abertas, participativas e creativas. Froito desta colaboración colle impulso novamente o proxecto L@bs40pps, no marco do XallasLab. Poderá participar rapazada de entre os 11 e os 20 anos. O obxectivo é achegar capacitación tecnolóxica avanzada e rachar fendas dixitais e de xénero. Este proxecto lévase a cabo na capital do Xallas, en Alacante e na localidade asturiana de Ribera de Arriba.
As actividades desenvolveranse en horario escolar e extraescolar. O alumnado experimentará con diferentes tecnoloxías como a impresión 3D, a robótica, a programación e o deseño web e gráfico.
Un dos obxectivos é incrementar a empregabilidade futura da mocidade xalleira, aproveitando as importantes oportunidades profesionais que pon en xogo o sector TIC (calcúlase que en 2019 en Europa houbo 900.000 postos de traballo no sector tecnolóxico que non se puideron cubrir por falta de persoal debidamente preparado).
“Calcúlase que nos vindeiros anos en España crearanse máis dun millón de empregos dixitais, por iso a adquisición de competencias tecnolóxicas é imprescindíbel para a nosa mocidade non só a nivel laboral, senón tamén persoal. Brindar este tipo de oportunidades formativas en territorios rurais, onde non adoita haber tanta oferta como nas cidades, resulta fundamental para garantir a equidade educativa aos nosos mozos, romper a fenda dixital e que descubran as grandes posibilidades de desenvolvemento que as STEM ofrecen ao ámbito rural, destaca Beatriz Varela, delegada de Axuda en Acción en Galicia.

PUBLICIDADE