A tarxeta intelixente da USC pasa a ser virtual

martes, 18 de agosto do 2020 S. P.

Un usuario da app da USC nunha imaxe de Santi Alvite

A partir do curso 2020-2021, a Tarxeta Universitaria Intelixente (TUI) da USC deixará de ter fasquía de tarxeta física para integrarse na aplicación móbil da Universidade de Santiago, unha iniciativa que se abeira á estratexia sustentábel da institución, que quere, con ela, evitar cada ano a emisión de 8.500 tarxetas de plástico. Esta medida afectará unicamente ao alumnado de novo ingreso (as e os estudantes que teñan tarxeta física poderán seguir empregándoa ou apostar tamén pola virtual).
Para obter o cartón dixital, tras matricularse e xerar as credenciais de identificación da USC, o alumnado terá que acudir á oficina da entidade bancaria para que lle tomen a foto que aparecerá na tarxeta universitaria, descargar a app da USC no seu dispositivo móbil, iniciar sesión, e premer sobre a icona de tarxeta virtual para que se realice o proceso automático de xeración da mesma.
Por último, os estudantes que queiran obter unha tarxeta virtual aínda que xa dispoña de tarxeta física só debe descargar a aplicación móbil, identificarse nela e premer sobre a icona de tarxeta virtual para que se realice o proceso automático de xeración da tarxeta.


PUBLICIDADE