Altia implantará unha aplicación web de xestión de expedientes en Patrimonio Nacional

venres, 1 de setembro do 2017 Redacción

Fachada do Palacio Real de Madrid

Altia integrará unha ferramenta web de xestión de expedientes en Patrimonio Nacional. Máis polo miúdo, a empresa galega vén de resultar adxudicataria do proxecto Consultoría tecnolóxica dunha Oficina Técnica de proxectos para a xestión, coordinación e soporte á implantación da aplicación web de Xestión de Expedientes, licitado polo organismo público Patrimonio Nacional para o seu sitio do Palacio Real de Madrid. Segundo informa a compañía que preside Tino Fernández, na resolución tívose en conta a experiencia dilatada da empresa en proxectos de Administración Electrónica e, especialmente, “na implantación de solucións de xestión de expedientes”.
O proxecto consiste na realización dun conxunto de actividades de consultoría tecnolóxica, desde o ámbito dunha oficina de proxectos, para a xestión e soporte de implantación dunha aplicación de xestión de expedientes, denominada WECO.
Segundo explica a compañía galega, entre os seus cometidos principais ao abeiro deste proxecto figura o de xestionar a adaptación ao novo contexto dixital do Palacio Real de Madrid e de todas as persoas involucradas. En palabras da Altia, esta é unha das actividades “máis críticas a realizar”, posto que o cambio cultural que supón a tramitación de expedientes mediante o pleno apoio dunha ferramenta informática de xestión de expedientes, fronte á tramitación dos expedientes de forma tradicional en soporte papel, require “dun forte respaldo de persoal cualificado”.
O obxectivo do proxecto é o de “conseguir a implantación de procedementos administrativos a través do xestor de expedientes WECO”, prestando un servizo de apoio ao equipo de implantación, que permita unha análise exhaustiva das actividades dos procedementos.

PUBLICIDADE