Amazon estrea servizo de renting de automóbiles en España

mércores, 19 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Amazon.es estrea hoxe unha nova categoría, Motors, dende a que ofrece renting de vehículos que van dende económicos Fiat 500 a luxosos Tesla Model S, pasando por outros coches de marcas como Jeep, Subaru e BMW, dispoñibles en paquetes de 36 ou 48 meses que inclúen o mantemento, o seguro a terceiros, a substitución de pneumáticos, a asistencia en estrada 24/7 e matriculación.
Este servizo en liña págase en cotas mensuais, carece de pagamento pola reserva do vehículo e inclúe tanto entrega de balde no domicilio como unha política de devolución de 30 días ou 50 quilómetros. Con esta oferta Amazon quere chegar a consumidores que queiran gozar dun vehículo en aluguer do que só teñan que preocuparse do combustible.
Amazon Motors funciona coa colaboración de ALD Automotive, e é un interesante xeito de ampliar os ámbitos do comercio electrónico, mercado que até o momento resístese para completar grandes compras como poden ser as de vivenda e automóbil, nas que a Rede xoga un papel moi activo, pero normalmente non pecha o procedemento de compra.

PUBLICIDADE