App Ciudad fornece un novo servizo de información útil sobre accesibilidade urbana

venres, 14 de novembro do 2014 Redacción

App Ciudad é unha aplicación que, como o seu propio nome indica, fornece ao usuario urbano (usuario de dispositivos móbiles e dos servizos e infraestruturas das cidades) de guías personalizadas para o coñecemento da cidade na que se atopa. Segundo veñen de informar os responsábeis da plataforma, esta ampliou o seu radio de acción cunha nova sección onde ofrece datos de valor acerca dos accesos. Ou sexa, sobre aqueles locais, establecementos ou lugares que están plenamente adaptados para as persoas con diversidades funcionais ou motrices. O obxectivo, polo tanto, é facilitar de forma diaria e continua a máxima información de utilidade sobre aquilo que se achega para toda a cidadanía, sen barreiras nin discriminacións.
Segundo fan saber os responsábeis destas tecnoloxías, se ben é certo que para moitos de nós as cidades non achegan grandes dificultades para movérmonos dun recanto a outro, non cabe dúbida de que para unha boa parte da poboación estes hábitos “poden ser un desafío, mesmo en ocasións un suplicio”. E engaden: “As obras, beirarrúas rotas, accesos aos transportes públicos, ausencia de ramplas ou prazas de aparcamento adaptadas, todo iso convértese nunha barreira de accesibilidade para unha persoa con diversidades funcionais físicas”. Co obxectivo de facilitar o seu día a día, App Ciudad, lanzou o devandito servizo de accesibilidade. Nesta sección, como dixemos, as aplicacións da plataforma recollen información sobre aqueles establecementos que dispoñen de acceso para cadeiras de roda. Tamén poderemos ver se teñen prazas de aparcamento para minusválidos.
Lembrar que a día de hoxe, App Ciudad xa conta con máis de 30 puntos nacionais e internacionais nos que esta franquía en liña está presente, entre eles: Granada, Toledo, Barcelona, Santiago, A Coruña ou Eivissa. “Tras case 4 anos en liña”, engaden, “estas aplicacións sufriron diversas melloras e incluído novos servizos como este pensado para as persoas minusválidas; grazas a esta sección poderase saber onde hai accesos, ramplas, prazas de aparcadoiro para minusválidos a tempo real e outros servizos adicionais”. Arestora, calculan, máis de 600.000 persoas xa teñen na súa tableta ou smartphone unha das aplicacións de App Ciudad.

PUBLICIDADE