Arrincou na Coruña o servizo de videochamadas da Axencia Tributaria para persoas do rural

mércores, 8 de maio do 2024 S. P.

O servizo da Axencia Tributaria para axudar ás persoas maiores do rural a facer a declaración da renda por medio de videochamada chegou á provincia da Coruña. Concretamente fíxoo este martes 7 de maio nos concellos da Baña, A Capela, Frades, Irixoa, Lousame, Monfero, Santiso e Toques. En vindeiras convocatorias poderán sumarse todos aqueles municipios de Reto Demográfico. Este programa forma parte da aposta por achegar os servizos da AEAT á cidadanía do rural, en especial, ás persoas maiores. A subdelegada María Rivas quixo estar presente neste primeiro día de posta en marcha e comprobar o proceso a través da primeira persoa solicitante de cita que se achegou ao concello da Baña.
Acompañada polo alcalde, José Antonio Pereira, asistiu á posta en funcionamento do novo programa da Axencia Tributaria, dirixido a persoas maiores de 65 anos que residen en concellos de menos de 3.000 habitantes.
Rivas explicou que este programa pioneiro permite facer a declaración da renda a través de videochamada nun espazo ofrecido polos concellos e atendido por persoal de apoio, a aqueles veciños e veciñas de máis de 65 anos que residan nos municipios adheridos e que así o soliciten.
A subdelegada quixo agradecer aos ditos concellos coruñeses o seu compromiso e a súa colaboración, xa que “fixeron o esforzo de participar nesta proba piloto que pon en marcha a AEAT, na que contribúen coa disposición dos espazos e o persoal de apoio para que os contribuíntes poidan realizar a súa declaración da renda a través dunha videochamada”.
Os 8 concellos adheridos na provincia neste primeiro ano, e que forman parte do proxecto piloto inicial, suman unha poboación total de 15.976 habitantes, dos que todas as persoas maiores de 65 e que queiran presentar a súa declaración poderano facer a través deste novo sistema. Deste xeito, cando soliciten cita ofreceráselles a posibilidade dunha videochamada de modo que coa súa cita só terán que achegarse ao concello para ser atendidos polo persoal da Axencia Tributaria podendo presentar na propia sesión de comunicación a súa declaración.
Este novo servizo posto en marcha pola Axencia Tributaria súmase aos xa postos en marcha como A Administración preto de ti ou o programa de carteiros rurais; todas estas iniciativas teñen como finalidade “achegar a administración á cidadanía do rural, sobre todo ás persoas maiores, para que coñezan e teñan a posibilidade de realizar trámites desde os seus concellos e sen necesidade de facer longos desprazamentos”.

PUBLICIDADE