Arteixo Telecom presenta un sistema de sinalización luminoso e sen fíos

martes, 21 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Arteixo Telecom e TTInnova veñen de presentar no mercado un novo sistema tecnolóxico para mellorar a seguridade das estradas a través dun meirande control das posibles emerxencias. Máis polo miúdo, trátase de Help-flash, un equipo luminoso de sinalización que non require fíos e que semella especialmente desenvolvido para mellorar a seguridade viaria en casos de risco. O sistema, presentado hai pouco na feira internacional Integra+Seguridad 2011 de Zaragoza (onde segundo informe a empresa galega Arteixo Telecom colleitou un importante éxito), achega unha serie de vantaxes a ter en conta e que a xuízo das ditas empresas contribúe a que marcar as diferenzas con outros produtos competidores.
En primeiro lugar, cómpre facer fincapé na súa autonomía. De feito, segundo se conta, é até cinco horas maior có doutros aparellos, recargándose dende a toma de 12 voltios do propio vehículo (o chisqueiro). Asemade, actívase de xeito automático ao entrar en contacto coa chapa do automóbil. En terceiro lugar, dispón de lámpadas led que se poden intercambiar e conta, tamén, cunhas dimensión reducidas que “permiten gardalo no portaluvas de calquera turismo”, informa Arteixo Telecom. Por último, salientar que se trata dun aparello sen fíos, polo que pode emprazarse en calquera recanto do coche, alí onde resulte máis visíbel.
O aparello preséntase en dúas versións, azul para o seu uso en vehículos policiais e de escolta, e ámbar para vehículos profesionais e particulares. O sistema, avalado pola última reforma do Código da Circulación, é axeitado para dar conta de calquera situación de emerxencia: sinalar un accidente, unha parada por avaría ou unha lentitude anormal da nosa marcha. “A potencia luminosa do equipo”, sinala Arteixo Telecom, “permite que o lugar dun eventual sinistro poida ser visto dende unha distancia de 100 metros durante o día e até tres quilómetros pola noite”.

PUBLICIDADE