Avanza o proxecto galego Bewats para detectar lixo no mar a través de satélites e drons

xoves, 11 de febreiro do 2021 S. P.

Atopar lixo mariño, por desgraza, é doado, tendo en conta a gran cantidade de lixo que achegamos cada pouco ao mar dende as máis diversas frontes. O que xa non é doado é facelo de xeito eficaz e automatizado, buscando a orixe e o rumbo da contaminación, co obxectivo de pór freo á presenza de residuos plásticos, refugallos que poden tardar máis de cen anos en biodegradarse e que, mentres tanto, afectan seriamente á vida tal e como a coñecementos. Botar man de tecnoloxías aeroespaciais para detectar acumulacións de lixo no mar é o gran obxectivo do proxecto galego Bewats, dende o que se fai monitoraxe da procedencia e do destino dos residuos a través de imaxes de satélites e drons.
A iniciativa Bewats (Beach Waste Tracking System), impulsada por investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Ciencias Matemáticas (CSIC-UAM-UCM-UC3M), comezou a súa andaina en decembro de 2019, sendo o seu obxectivo buscar ferramentas innovadoras para a monitoraxe da procedencia e o destino do lixo mariño a través de imaxes de satélites e drons. Froito deste primeiro ano de traballo, os investigadores xa contan con avances destacados, como explica Fernando Martín, do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da UVigo.
O proxecto, financiado polo programa Pleamar 2019 da Fundación Biodiversidade, céntrase nas rías de Vigo e Pontevedra, incluíndo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
Nestes meses de traballo, o equipo avanzou en varias frontes. Por unha banda, Ana M. Mancho e Guillermo García Sánchez, do CSIC, desenvolveron modelos para o seguimento das rutas dos residuos baseados nas correntes mariñas proporcionadas polo Servicio de Monitorización Marina de Copernicus (CMEMS) e en desenvolvementos propios dos investigadores. Os resultados proporcionados polos modelos delimitan as zonas de orixe para estes residuos nas diferentes épocas do ano.
Dende a Universidade de Vigo, os investigadores Fernando Martín e Orentino Mojón, do centro AtlantTIC comezaron a toma de imaxes con drons en diferentes puntos das rías de Vigo e Pontevedra, baseándose na experiencia e no software desenvolvido no proxecto europeo Litterdrone, que a institución viguesa coordinou entre 2017 e 2019.
O proxecto Bewats rematará no mes de abril, xa que conta nunha prórroga pola pandemia.
O plan de traballo ao longo deste tempo centrarase “nunha serie de obxectivos técnicos”. Deste xeito, darase forma a un obxecto de plástico a modo de branco flotante, co que se “realizarán varios experimentos para capturalo no mar coincidindo coa pasada do satélite e tomando imaxes de dron e procesarán as imaxes de satélites coincidentes co experimento, para validar os resultados do algoritmo desenvolvido pola empresa GMV”, explican os investigadores, engadindo que tamén está previsto optimizar o software Litterdrone. Por parte da Universidade de Vigo tamén participa no proxecto o grupo I-Mark, que xa comezou a realizar un estudo sobre a viabilidade comercial das tecnoloxías desenvolvidas en Bewats.

PUBLICIDADE