Comeza un novo curso de capacitación dixital no Centro de Emprego dos Rosales da Coruña

xoves, 16 de maio do 2024 S. P.

O Concello da Coruña comezou esta semana un novo curso de capacitación dixital no Centro Municipal de Emprego dos Rosales. A formación encádrase na liña dos cursos postos en marcha polo Goberno de Inés Rey en materia dixital e TIC co obxectivo de “ampliar o coñecemento informático das persoas en situación de desemprego ou procedentes de colectivos vulnerábeis”.
A maiores, a formación enmárcase na subvención estatal recibida polo Concello para a creación dun Centro de Capacitación Dixital Municipal, axudas convocadas polo Ministerio de Educación e FP para crear un rede estatal de centros en entidades locais(o Concello da Coruña foi unha das oito entidades galegas ás que lles concedeu esta axuda, sendo a única cidade, xunto con Vigo, en obter os fondos para a creación do centro).
A través deste Centro de Capacitación Dixital, o Concello ofertará un total de cinco cursos formativos de 30 horas en competencias dixitais baseadas en seis accións: tecnoloxías habilitadoras dixitais, autoestudo, información e alfabetización dixital, comunicación e colaboración en liña, creación de contidos dixitais, seguridade na rede e resolución de problemas. A previsión é formar a un total de 100 persoas residentes no municipio da Coruña.
O perfil prioritario son mulleres, persoas traballadoras de baixa cualificación, maiores de 45 anos, fogares monoparentais, persoas cun grao de discapacidade superior ao 33% ou desempregadas en xeral.
As persoas interesadas en participar nesta formación deben solicitar cita no Centro Municipal de Emprego dos Rosales vía web ou chamando ao 010. Para a selección realizarán un obradoiro de información para a procura de emprego de 2 horas de duración e unha entrevista individual de orientación laboral.
A subvención obtida polo Concello da Coruña para a creación do Centro de Capacitación Dixital foi concedida pola Subdirección Xeral de Planificación e Xestión da Formación Profesional pertencente ao Ministerio de Educación e Formación Profesional, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, Next Generation EU.

PUBLICIDADE