Convocada na Rede social unha sesión colectiva de hipnose

luns, 4 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Xa case non queda ren da nosa vida social que non poida ser levado a cabo na Rede con semellantes e (ao mesmo tempo) enriquecedores resultados. Se acaso nos estabamos a preguntar se sería posible que alguén nos levase un paso máis alá no enfeitizo que nos produce ás veces a Internet, hoxe atopamos a resposta: si que pode ser posible. Polo menos, iso é o que sostén o hipnotizador Chris Hughes, quen vén de asumir que a Rede social é tan válida (ou máis, se vemos as olleiras noitaregas de certos usuarios) coma un escenario de feira para levar a cabo un labor colectivo de control dos diferentes eidos da mente. Para os que estean interesados na cuestión da hipnose (iso de ficar á vontade de quen move unha man ou un obxecto perante os nosos ollos, cousa común de quen ve televisión a esgalla), sinalar que hoxe ás 20.30 vaise celebrar na web socialtrance unha sesión colectiva que xorde co obxectivo (entre outros) de bater un récord no Guinnes, sobre todo dende o eido cualitativo do traballo.
Co fin de facerse co meirande número de voluntarios, Hughes botará man da Rede e máis polo miúdo de Twitter e de Facebook, dúas das canles sociais máis concorridas e, polo tanto, dous dos sitios onde máis posibilidades hai hoxe de que alguén che diga “si” a calquera cousa que propoñas. Por certo que a sesión que se vai desenvolver a través de Socialtrance vai consistir basicamente en pórse nas mans do devandito hipnotizador para descubrir se este é quen de facer que os voluntarios non poidan erguerse das súas cadeiras, ao “experimentar unha sensación de acougo como nunca antes e toda a súa vida”. O único que se precisa para participar é ter conta nas devanditas redes sociais e uns bos auriculares para quen non fique nada que proveña do hipnotizador sen escoitar.

PUBLICIDADE